O automobilismo galego premiará, no Carballiño, o mellor deste deporte en 2022

Esta fin de semana terá lugar a entrega dos premios do automobilismo galego da tempada 2022. Será o primeiro evento do novo presidente da federación, Antonio Rodríguez Troitiño.
O piloto Víctor Senra, á dereita enriba do coche, celebrando ser o campión de España no rally de Estremadura en 2022 (Foto: Víctor Senra).
photo_camera O piloto Víctor Senra, á dereita enriba do coche, celebrando ser o campión de España no rally de Estremadura en 2022 (Foto: Víctor Senra).

O automobilismo galego terá este sábado a súa gran festa no Carballiño (Auditorio Municipal, 19 horas) na gala anual de entrega de premios dos campionatos e copas da Galiza 2022.

Será, tamén, o primeiro evento público de importancia no que se presentará a nova xunta directiva da Federación Galega de Automobilismo (FGA), presidida polo lalinense Antonio Rodríguez Troitiño.

Galardóns de 2022

Víctor Senra volve, outro ano máis, como o piloto galego máis recoñecido ao ser campión de rallys de asfalto e conseguir o Campionato e as copas da Galiza en 2022.

En montaña, os premios son para Jacobo Senin (sen carrozaría) e Manuel Senra (carrozaría), mentres que polas copas será José Figueiras. Outros galardoados serán José Mosquera e Adrián Castro.

Na modalidade de rallymix (con trazados mixtos e vehículos con diferentes carrozarías), os trofeos serán, entre outros, para Javier Ramilo e José Fernández. Na de autocross, Ramilo repite acompañado de Iago Rodríguez, Rubén Uzal e Alberto Varela

En karting, tamén por categorías, os laureados son Daniel Benjumea, Iago García, Iván Carmona, Lucía Mariño, Anxo Feixóo, Daniel García, Mateo Añón, Adrián Dopico, Iago Rodríguez, Surhayen Díaz, Carmen Pintor e Lucas Pazos.

Outras modalidades que estarán presentes son a de slalom (onde prevalece a seguridade), con trofeos para Manuel Souto e Iban Garrote,  e a de todorerreos, con galardóns a Manuel Tanoira e Manuel Oubiña.

A gala contará cun apartado especial para salientar as mellores escudarías, marcas e colaboradores no mundo do automobilismo galego durante o ano pasado.

Recuperouse o esplendor

En declaracións a Nós Diario, Antonio Rodríguez considera que 2022 foi un ano de “moita participación e con bastantes probas”, polo que “despois dunha pandemia podemos dicir que foi bastante positiva”. Con este panorama, cre que “o automobilismo galego volveu  recuperar o esplendor que tiña en anos anteriores”. 

Para o recentemente nomeado presidente da FGA, é moi importante mudarlle a imaxe á federación, “comezando polo logotipo, que debe ter polo menos corenta anos, e unhas redes sociais que non funcionan”.

Ademais, quere que se faga todo con transparencia con respecto ao que antes “estaba oculto”, para que a xente saiba o que vai facer agora. 

Buscar a cordialidade

A asemblea da federación apoiou no mes de xaneiro, con 55 dos 57 votos, a candidatura Xeración Renova FGA, liderada por Rodríguez Troitiño. Porén, o agora presidente ten claro que, no que respecta aos rallys, “había unha parte dos organizadores que estaban co presidente anterior e outros da nosa, polo que tentaremos que haxa unhas boas relacións entre todos para tirar do mesmo carro”.

Con esta idea, o lalinense reivindica o obxectivo de “traballar por un campionato mellor, aínda que o de rallys non era dos que peor estaba”. Por este motivo, considera que hai que actuar no karting e no autocross “sobre todo no deporte de base onde temos moito que traballar”.

O presidente pide paciencia

Antonio Rodríguez, o novo responsábel da Federación Galega de Automobilismo, é consciente de que chega a un organismo que mantivo o presidente anterior, Iván Corral, desde 1984.

“Sempre dixemos que había moitas cousas que cambiar mais chegamos bastante tarde a tomar posesión, coa tempada xa comezada”, asegura o presidente a Nós Diario, “o único que lle pedimos á afección é que teña un pouco de paciencia”, demanda.

Comentarios