A selección galega de fútbol gaélico disputará o Mundial no mes de xullo

O torneo será en Derry (Irlanda) entre os días 24 e 27 
A Irmandiña aspira a repetir podio (Foto: Asociación Galega de Fútbol Gaélico).
photo_camera A Irmandiña aspira a repetir podio (Foto: Asociación Galega de Fútbol Gaélico).

O fútbol gaélico promete deparar novas alegrías á afección, pois a única disciplina deportiva na que a selección nacional da Galiza pode competir oficial e internacionalmente encara un novo reto internacional na localidade irlandesa de Derry.

Alí, entre os días 24 e 27 de xullo, desenvolverase un Mundial no que a Irmandiña tratará de repetir os éxitos alcanzados en 2019, última edición dun certame que leva en pausa desde entón a causa da pandemia provocada pola irrupción da Covid-19 e no que a delegación galega escalou até o terceiro chanzo do podio na modalidade feminina.

A Irmandiña presentará un total de catro equipos no Mundial

Nesta ocasión a Galiza duplica a súa presenza, pois presentará catro equipos en competición, dous deles na categoría sénior (masculino e feminino) e outros tantos na coñecida como development.

En total, a expedición estará conformada por aproximadamente de 60 persoas, que aspiran a mostrar "o potencial dun fútbol gaélico galego que aspira ao máximo en todas as categorías", explican desde a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG). 

O organismo reitor do deporte a nivel nacional lembra tamén que "no momento da disputa do torneo, a selección celebrará o undécimo aniversario desde a súa creación", expresando ademais o orgullo que supón poder competir oficial e internacionalmente para unha disciplina "100 % amateur por normativa e na que está prohibido cobrar diñeiro por xogar".

A expedición galega en Derry estará conformada por 60 persoas

Con esta, a Galiza acumulará catro participacións no Mundial, un "fito" que implica "un esforzo humano e económico por parte dos e das xogadoras da selección", por iso, desde a Asociación Galega de Fútbol Gaélico animan "a todas as empresas ou simpatizantes que queiran axudar economicamente" a colaborar para "contribuír a que medre este proxecto".

Comentarios