A remontada do gaélico continúa en Vigo co Campionato Ibérico

A cidade olívica acollerá o 6 de maio o prestixioso torneo.
O certame reunirá os 12 mellores equipos da península, seis masculinos e outros tantos femininos, procedendo a metade da Galiza. (Foto: Keltoi).
photo_camera O certame reunirá os 12 mellores equipos da península, seis masculinos e outros tantos femininos, procedendo a metade da Galiza. (Foto: Keltoi).

Campionato Europeo de Seleccións, Paneuropeo de Clubs... e agora o Campionato Ibérico. Nos últimos meses a Galiza non deixa de acoller eventos de nivel internacional dunha disciplina moi castigada polas consecuencias da pandemia da Covid, pero que desde o verán de 2022 loita por recuperar o pulo que a caracterizaba antes da pandemia.

O próximo 6 de maio, sábado, os campos de fútbol de Novo Miradoiro (Beade) e A Madroa  -ambas instalacións situadas dentro do termo municipal de Vigo- recibirán os seis mellores equipos femininos e masculino da Península para a disputa do prestixioso Campionato Ibérico de Fútbol Gaélico.

Alí haberá unha ampla representación galega, pois entre as mulleres pelexarán polo título contra Sant Vicent de Valencia, Barcelona Gaels e Éire Óg Sevilla as Fillas de Breogán da Coruña, Turonia de Gondomar e Estrela Vermelha de Santiago de Compostela. No referente aos homes, os locais do Keltoi, de novo Fillos de Breogán e os ourensáns do Auriense defenderán o pavillón nacional ante Sant Vicent de Valencia, Madrid Harps e LX Celtíberos de Portugal.

Desde a organización, que corre a cargo do Club Keltoi da cidade olívica, explican a Nós Diario que a proba supuxo un importante "esforzo organizativo", pois a diferenza de anteriores ocasións, en que varias das escuadras repetían presenza nas modalidades masculina e feminina, esta vez esa circunstancia só se produce no caso de Sant Vicent e Fillos de Breogán.

Por todo iso, desde o Keltoi están moi "orgullosos" polo traballo realizado, que continúa unha senda de recuperación iniciada o pasado 2022 e que semella deixar atrás definitivamente os efectos negativos que a Covid-19 tivo sobre un deporte que viña medrando como a escuma nos anos anteriores.

"A nivel de organización de eventos, este é o mellor ano na historia da Galiza", engaden. Cuestionados sobre se a nivel de fichas as circunstancias son igualmente felices, apostilan que "algúns clubs levan a cousa mellor que outros, pero en xeral o balance é positivo. Estamos on fire!", conclúen

Un torneo moi vinculado á Galiza

Con excepción dos anos da pandemia, o Campionato Ibérico desenvólvese de forma anual, e está moi vinculado á Galiza, pois non só foron sede  no pasado localidades como A Coruña ou A Estrada, senón que no seu palmarés está inscrito por triplicado o nome das Fillas de Breogán, campioas de forma consecutiva entre 2016 e 2018. 

Nun certame moi dado ás sorpresas, esta edición non vai ser diferente, pois se ben o ano pasado a combinación formada polo Turonia Gondomar e o Independente de Vigo caeron na final coas anfitrioas do Sant Vicent de Valencia, nesta ocasión o rendemento das levantinas é unha incógnita, xa que é unha escuadra que depende moito das achegas de estudantes erasmus ou estranxeiras que poden estar de paso, polo que calquera dos tres equipos galegos (Turonia, Estrela Vermelha e Fillas de Breogán) ten opcións de chegar á finalísima e mesmo de gañala.

Máis sorprendente sería un triunfo na modalidade masculina de Auriense, Fillos ou Keltoi, pero non é totalmente descartábel que un destes dous últimos logre pelexar polo título. 

Comentarios