O Turonia GFG Femenino logra o Subcampionato Ibérico de Fútbol Gaélico

O equipo de Gondomar logrou o título no campionato disputado en Vigo.
turonia
photo_camera turonia

O Turonia GFG Femenino logrou este sábado o Subcampionato Ibérico de Fútbol Gaélico, na final do Campionato Ibérico que se disputou en Vigo. Nesta final a seis, o equipo de Gondomar incorporouse ao grupo B xunto co Barcelona Gaels e o Eire Og Sevilla. No grupo A estaban as coruñesas Fillas de Breogán, Santiago Vermelha e Valencia GAA.

As de Gondomar comezaron perdendo contra os de Barcelona por un axustado 10-14, no segundo partido ante o Sevilla lograron a vitoria por 6-12, logrando finalmente o segundo posto do grupo.

Na semifinal tiveron que enfrontarse ás coruñesas, levando a vitoria pola mínima, 3 a 4 e conseguindo o pase á final. Nesta volveu enfrontarse ao Barcelona, ​​saíndo derrotado, pero ante un equipo moi potente, con moitos xogadores de orixe irlandesa, berce deste deporte, por un resultado de 8 a 4.

 

Este Subcampionato Ibérico consolida o Turonia GFG como referente do fútbol gaélico feminino galego. As gondomareñas están a facer unha tempada estupenda, e a semana anterior conseguiron gañar o campionato de Liga Galega ante un rival directo, o Estrella Vermelha de Santiago.

A fazaña que acadaron este ano estas mulleres é o mérito dun equipo comprometido forxado por xente experimentada e de nova incorporación e dun equipo técnico formado por Alex Álvarez e Juancho Larrasq, sen os cales todo isto sería imposible.

Agora, o Turonia competirá pola Copa de Galiza e o Mundial de Irlanda, que terá lugar en Derry este verán, e no que varias das xogadoras defenderán as cores da Selección Galega.

Comentarios