A Irmandiña Sub-12 de fútbol sala depende de si mesma para chegar ás semifinais do Estatal

Golea Estremadura e colide ante Aragón esta sexta feira.
O xogo é en Sanxenxo ás 13.15. (Foto: Futgal).
photo_camera O xogo é en Sanxenxo ás 13.15. (Foto: Futgal).

A Selección Galega Sub-12 goleou Estremadura, fai pleno de puntos e depende de si mesma na última xornada para asinar o boleto para disputar as semifinais do Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) de fútbol sala que se está levando a cabo en tres localidades pontevedresas e do Salnés: Poio, Sanxenxo e Meaño.

O devir do torneo está sendo o soñado até o de agora, pois após superar as estremeñas (5-0) na segunda data, e facendo alarde dun xogo extraordinario, a Irmandiña afronta o seu terceiro e definitivo desafío na rolda inicial coa moral polas nubes e sabendo que non depende de ninguén para clasificarse. 

As promesas eran conscientes da importancia do choque ante Estremadura logo da vitoria inicial ante Castela A Mancha, saltando ao envite as de Ana Mouzo despregando desde o inicio o mellor fútbol sala que se viu no campionato, como demostraron os tantos de Adair ('3), Alba ('9') e Raquel ('11), deixando o encontro practicamente decidido cando o reloxo apenas superaba o ecuador da primeira metade. 

E iso que o combinado galego dispuxo de máis ocasións para aumentar a vantaxe no marcador, pero entre os paus e a meta estremeña (Vera) lograron impedir que a Galiza chegase ao descanso con máis tantos ao seu favor, vantaxe que se ampliaría xa na segunda metade da man de Bea ('20) e de novo Raquel ('21) para estabelecer o 5-0 final. Agora, todo pasa polo que aconteza ante Aragón ás 13.15 horas desta sexta feira no Pavillón Municipal de Baltar, en Sanxenxo.

E, no referente á Sub-14, a súa malleira da cuarta a Melilla (0-14) mantena con vida no CESA após perder con Catalunya no seu debut, polo que a súa supervivencia dependerá de que supere Andalucía (sexta feira, 11.30) e Catalunya caia con Melilla, o que semella case imposíbel.

Comentarios