Aspas fixo o que sempre se espera del, mais o gol do de Moaña non lle bastou ao Celta para se impor a unha Real Sociedade que veu a Balaídos a disputarlle a pelota e o control do xogo á equipa galega, consciente o combo de Asier Garitano que vir a Vigo a se fechar era practicamente asinar a sentenza de morte.
Combinou ben o Celta, levado con bon criterio por Lobotka. A má noticia para a freguesía celeste é que o futebolista eslovaco acabou lesionado, polo que foi substituído no minuto 73 por Fran Beltrán. A tal hora aínda se descoñece o alcance da mancadura que deixou o Celta no tramo final do encontro sen un dos seus futbolistas máis dotados.
Coa posesión da bola igualada ao 50 por cento, a Real foi máis incisiva do que os galegos no achegamento á portería rival. A equipa vasca tirou a porta, entre os tres paus, 6 veces por 4 do Celta. Até lanzou máis córners, 5 por 4. Outro índice de que Balaídos presenciou un combate de ti a ti, unha disputa sen excesiva especulación defensiva, os dous 11 a procuraren a portería contraria.
Achouna primeiro Iago Aspas, que continúa esplendoroso neste primeiro terzo do campionato. O gol celeste chegou no minuto 57, cun disparo na boca do gol produto dunha asistencia de Néstor Araújo ao 10 celeste. Nada mudou co 1-0. O partido continuou a ser un tira-puxa sen ninguén a dominar o xogo. A Real, premida polo taboleiro de marcas, puxo algo máis de intensidade nas últimas xogadas e, froito da súa teimosía, cobrou o 1-1 xa no minuto 88.
Todo fica, pois, pendente para o choque de volta.