"Un pobo, unha selección": inaugurada en Lugo a mostra que reivindica o deporte galego

A exposición visitará unha trintena de municipios ao longo do ano co gallo de reivindicar o dereito da Galiza a competir en torneos internacionais, un dereito que xa teñen recoñecido outras nacións sen Estado como Escocia ou Gales.
Paneis da mostra situados na praza de San Marcos de Lugo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Paneis da mostra situados na praza de San Marcos de Lugo (Foto: Nós Diario).

A praza de San Marcos de Lugo acolle desde esta segunda feira, e até o vindeiro 14 de febreiro, a exposición ‘Galiza, un pobo, unha selección', organizada pola plataforma Vía Galega coa colaboración da vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A mostra consta de vinte paneis explicativos que repasan a historia do deporte galego, afondando na participación de deportistas do país en competicións internacionais e na traxectoria das seleccións galegas.

Na inauguración da mostra, o coordinador de Vía Galega en Lugo, Cosme Pombo, reivindicou "o dereito da Galiza a ser representada por seleccións propias" e situou 2022 como un ano "relevante" para esta demanda por coincidir "co centenario do primeiro partido disputado pola selección galega de fútbol masculino, en Vigo, en 1922".

O deputado de Deportes, Efrén Castro, valorou a mostra como "unha ferramenta para difundir e ampliar o coñecemento que temos sobre a historia do deporte galego" e defendeu a necesidade de "contarmos con seleccións propias que representen a Galiza nas competicións internacionais, como teñen outras nacións sen Estado como Escocia ou Gales", apuntando tamén que "as seleccións suporían unha oportunidade para crear e afianzar estruturas deportivas propias nas que os deportistas do país poidan desenvolver o seu potencial competitivo".

En 35 concellos

A mostra, de carácter itinerante, chegará a practicamente todos os currunchos do país, pois ten programada a súa presenza en 35 localidades diferentes desde mediados do pasado novembro até o vindeiro xuño.

Cómpre salientar que o pasado decembro, no marco desta campaña, Vía Galega fixo público o himno deportivo "Un pobo, unha selección", no que participan 28 artistas de todo o país.

Aliás, o colectivo elaborou un documental no que trece persoeiros destacados do deporte galego como Fernando Vázquez, Alba Cuba ou Gustavo César Veloso reivindicaron o dereito da Galiza a competir en torneos internacionais.

Comentarios