venres 15/10/21

O Guardés despide o ano 2020 cunha vitoria que o sitúa segundo na Liga

Triunfa sobre o Aula Valladolid nun encontro aprazado pola Covid-19
No inicio de encontro díxose "Non" á violencia machista. (Foto: Guardés).
No inicio de encontro díxose "Non" á violencia machista. (Foto: Sportcoeco).

O Atlético Guardés derrotou o Aula Alimentos Valladolid por un resultado de 26-22, nun encontro aprazado da quinta xornada da Liga Guerreiras Iberdrola a causa dos positivos na Covid-19 detectados no seu momento no conxunto castelán.

O partido empezou dun modo moi descafeinado, con moitas imprecisións en ambos os equipos, como demostra o feito de que logo de que Cuadrado anotase o 0-1 inicial o Guardés aínda tardase tres minutos en estrearse (1-1).

Esa igualdade mantívose até o minuto cinco de partido, no que o Aula comezou a apertar o Guardés. Isto, combinado coa acertada defensa das de Peñas, con Carmen Sanz baixo paus, e coa falta de  acerto do conxunto local, levou o marcador a un 4-6 que en nada gustou a Prades, quen pediu tempo morto. 

A fenda aínda se faría máis grande, até o 5-8, pero ao pouco tempo o Atlético Guardés, que se encomendou a Descalzo nos seis metros e, en xeral, a calquera que conseguise coarse pola zona de pivote -como Lorena Pérez e Carla Gómez-, empezou a espertar coincidindo cos mellores minutos de Paula Arcos sobre a pista. 

Aguantou un pouco máis o Aula Alimentos, pero unha parada de Sempere a Tere Álvarez, e de novo a conexión Arcos-Lima-Gómez, funcionou abondo como para igualar o partido (13-13), até que Laguna desde os sete metros e logo Arcos estabeleceron o 14-14 definitivo co que se chegou ao descanso.

A principal novidade sobre a pista no segundo tempo foi África Sempere, o que xunto coa anarquía desatada neste segundo acto acabaría por decantar a balanza do lado do conxunto galego, a pesar da prematura expulsión de Paula Arcos, que sen mala intención deu un golpe na cara a Elena Cuadrado.

Tolemia no segundo tempo

Os erros en ambos os equipos retrotraeron por algúns instantes ao comezo do partido, até o punto de que o Guardés tivo que esperar até o 38 para anotar o seu primeiro gol da segunda parte.

Por un momento o 18-15 a favor das galegas parecía definitivo, pero un desfalecemento local deu alas ao Aula de Valladolid, que chegou a asinar un empate a 19 goles que forzou a José Ignacio Prades a pedir un tempo morto para tratar de reconducir a situación.

Desde ese momento houbo un tímido intercambio de goles, manténdose a incerteza sobre de que lado se decantaría o resultado até que Sempere e Carratú, coas súas paradas, amarraron a vitoria final por 26-22.

O Guardés despide o ano 2020 cunha vitoria que o sitúa segundo na Liga
comentarios