sábado 28/11/20

Cara e cruz para Guardés e O Porriño na Liga Guerreiras de balonmán

As guardesas consolídanse na zona alta da táboa
O partido da vindeira xornada do Guardés quedou adiado por un caso de Covid-19 no seu rival. (Foto: At. Guardés).
O partido da vindeira xornada do Guardés quedou adiado por un caso de Covid-19 no seu rival. (Foto: At. Guardés).

Resultados agridoces para as dúas escuadras galegas na máxima categoría do balonmán. Así, o Atlético Guardés logrou unha vitoria con resultado enganoso (20-26) ante o Lanzarote, mentres que O Porriño apañou unha dolorosa derrota (28-23) ante o Adesal Córdoba, que até ese momento non sabía o que era a vitoria.

No caso das da Guarda, a renda de seis goles que reflicte o resultado final pouco fai intuír o esforzo e traballo do equipo de José Ignacio Prades para sentirse cómodo na pista e sobrepoñerse a unha desvantaxe mínima ao descanso (12-11).

Aínda que Míriam Sempere estivo moi atinada baixo paus, Gabriela Pessoa (con seis tantos en trinta minutos) estivo incontrolábel. Baixo a batuta de Patrícia Lima o Guardés gozou dos seus mellores minutos no segundo acto, e un tempo morto de Prades ao fío do minuto 45 resultou chave antes do parcial de 0-3, con Paulina Pérez e Sandra Santiago como referentes ofensivos, que permitiu respirar tranquilo ao equipo (16-21) até os minutos finais.

O Atlético Guardés, que finalmente non puido contar coa súa capitá, África Sempere -de baixa por motivos persoais- notou no choque unha certa falta de ritmo competitivo da que xa advertira o seu técnico na previa, e a pesar da destacada actuación de Miriam, as súas compañeiras mostráronse erráticas tanto no ataque como na defensa, especialmente na primeira metade de partido.

Lamentabelmente, ese obxectivo de recuperar a dinámica de competición terá que seguir agardando a causa dunha Covid-19 que segue facendo das súas entre os equipos da Liga Guerreiras. O positivo detectado nunha xogadora do seu vindeiro rival, Rincón Fertilidad Málaga, fai que as andaluzas teñan que gardar corentena e que o partido da xornada 7 quede adiado indefinidamente. Non obstante, as da Guarda xa teñen data concreta para recuperar o choque da xornada 5 contra Aula Alimentos de Valladolid, tamén aprazado polo coronavirus, e que será o vindeiro sábado 21 de novembro ás 19 horas na Sangriña.

A falta de gol, unha lousa para o Balonmán Porriño

O outro representante galego na máxima categoría do balonmán feminino -encadrado no seu caso no Grupo B- non foi quen de gañar o seu compromiso ante un rival aparentemente inferior, como era o caso do Adesal Córdoba.

As andaluzas, que aínda non sabían o que era a vitoria, aproveitáronse das numerosas imprecisións en ataque das galegas, chegando ao descanso cun resultado moi favorábel (17-11), mais con todo aínda por decidir. Non obstante, lonxe de producirse a reacción das do Porriño, continuou o bloqueo mental tanto en ataque como en defensa, e a grande efectividade á hora de lanzar de Gleinys Reyes, máxima goleadora do partido con oito tantos, axudou a ir sumando goles ao resultado das andaluzas. 

A falta de dez minutos para o final do encontro o marcador atopábase 23-17 a favor do Adesal Córdoba. O Conservas Orbe  Rubensa Balonmán Porriño tentou recortar distancias, pero as cordobesas puxéronlle as cousas moi difíciles e, finalmente, o Adesal impúxose cun resultado de 28-23, a pesar do esforzo por buscar o empate do Clube Balonmán Porriño, o cal non soubo recompoñerse logo dos múltiples fallos á hora de lanzar. 

comentarios