Michael Woods, novo líder da Volta O Gran Camiño

A subida ao Ézaro determinou a mudanza na camisola amarela. A proba estivo dominada polos equipos Movistar e Israel Premier Tech.
Chegada á meta de Michael Woods no Ézaro.(Eurosport).
photo_camera Chegada á meta de Michael Woods no Ézaro.(Foto: Eurosport).

Cambio de líder onte na segunda etapa da Volta á Galiza de ciclismo 'O Gran Camiño'. Se na quinta feira era Magnus Cort Nielsen (EF Education- Easypost) quen remataba primeiro en Vigo, desta vez foi Michael  Woods (Israel Premier Tech) o que superou ao resto de corredores.

O canadense impúxose con autoridade na meta do Ézaro (Dumbría) após a gran subida ao miradoiro. Por tras del chegaba Alejandro Valverde  (Movistar). Todo isto tras un itinerario de case 178 quilómetros por 16 concellos desde a súa saída a primeira hora en Bertamiráns (Ames). 

Outro intento de fuga neutralizado

Case todo o protagonismo da xornada acaparouno esta ascensión final, mais a carreira tivo o seu momento animado cando un grupo de sete ciclistas realizaron a fuga do día en busca dos puntos das clasificacións secundarias. Antonio Angulo (Euskaltel) dominou nos esprintes intermedios de Santa Comba, Carballo e Cee; mentres que Jon  Barrenetxea (Caixa Rural) cruzaba na cabeza o primeiro alto de montaña. Xunto a eles rodaron na cabeza Óscar Cabedo (Burgos- BH), Giovanni Visconti (Bardiani), Stephen Bassett (Human  Powered), Guillermo Garcia Janeiro (Radio Popular) e Joni Brandão (W52-Porto).

O control do resto do pelotón, dominado polos equipos de Movistar e Israel, non deixou que a fuxida superara os dous minutos. 

Cara o final, a 20 quilómetros de meta, García Janeiro tiña unha avaría mecánica e Brándão  cedía pouco despois do paso polo en Muxía. Malia o ataque de Barrenetxea e Bassett, Movistar non quixo sorpresas e preparou a ascensión final.

O líder, Cort Nielsen, non aturou o ritmo e perdía a camisola amarela. Entrou en xogo o equipo Cofidis e Rubén Fernández mais Michael Woods gañaba cada vez máis metros no quilómetro final. Valverde tentou collelo mais non foi quen de conseguilo e chegou segundo. Terceiro entrou Rubén Fernández seguido de Delio Fernández. 

'O Gran Camiño' terá este sábado outra etapa de excepción, con máis de 148 quilómetros entre Maceda Luíntra, cos canóns da Ribeira Sacra e o Miño como testemuñas. Nesta xornada será clave a actuación dos escaladores ao ser a previa á crono da etapa final.

Comentarios