A Volta á Galiza rexorde das súas cinzas 22 anos despois

O Gran Camiño reúne varios dos mellores equipos e ciclistas do mundo
O veteranísimo Alejandro Valverde (41 anos), campión do mundo e da Vuelta a España, estrea a súa tempada 2022 en territorio galego.  (Foto: EP).
photo_camera O veteranísimo Alejandro Valverde (41 anos), campión do mundo e da Vuelta a España, estrea a súa tempada 2022 en territorio galego. (Foto: EP).

Álvaro Pino, Miguel Indurain, Abraham Olano, Claudio Chiappucci, Laurent Jalabert, Marcos Serrano, Marco Pantani, Frank Vandenbroucke, Jesús Blanco Villar, Armand De Las Cuevas, Laudelino Cubino, Vicente Belda, Piotr Ugrumov... a histórica Vuelta Ciclista á Galiza, renacida en 1984 logo de case tres décadas, achegou até a súa segunda desaparición no ano 2000 a varias das mellores figuras da estrada de todos os tempos, convertendo en fans do ciclismo toda unha xeración de galegas.

22 anos despois, a proba referencia das dúas rodas no país regresa rebautizada como O Gran Camiño e nun contexto ben diferente, pois a popularidade do ciclismo decaeu sobremaneira entre o gran público, polo que supón unha gran oportunidade para revitalizar a paixón pola bicicleta.

Xa que logo, aquelas persoas que se congreguen nas cunetas do país para animar os distintos corredores deben ser conscientes de que lonxe quedan aqueles vellos equipos Kelme, Once, Mapei ou Banesto, pois as formacións que conformarán o pelotón do Gran Camiño, co poderosos Movistar á cabeza, serán Israel Premier Tech, EF, Cofidis, Euskaltel-Euskadi, Kern Pharma, Burgos BH, Caja Rural Seguros, Eolo-Kometa, Bardiani CSF, DH Drone Hopper, Gazprom Rusvelo, Human Powered Health, Efape, RP Boavista, Manuela Fundación e o portugués WS2 FC Porto.

A representación galega está encabezada por Carlos Canal

Para evitar esperas e aglomeración innecesarias, a organización ofrece na web oficial do certame un 'rutómetro' a través do cal poden consultarse os horarios estimados de paso dos ciclistas polas diferentes localidades. Entre eles, os nomes máis berrados serán os dos cinco representantes do país: Carlos Canal (Euskaltel-Euskadi), que na pasada Vuelta a España 2021 tornou no primeiro corredor galego en disputar unha das tres grandes roldas en tres anos; Guillermo García Janeiro (Boavista), quen aos seus 22 anos agarda confirmar a súa progresión ante o seu público; Alejandro Marque -veteranísimo ciclista de 40 anos que afronta a súa derradeira tempada como profesional-, Delio Fernández -que deixa atrás a súa mala experiencia no Delko Marsella francés, que lle debe un ano de salario- e Samuel Banco -xa consolidado no marco do profesionalismo logo dunha incursión na categoría elite en 2020-, todos eles baixo a disciplina do Atum General-Tavira.

O primeiro paso do último baile de Alejandro Valverde

Con permiso dos corredores galegos, o nome con máis poderío mediático no pelotón da Volta á Galiza 2022 é o de Alejandro Valverde. O murciano anunciou en novembro de 2021 que aos seus 41 anos -42 a partir do mes de abril- chegaba o tempo de colgar a bicicleta na parede do garaxe, sendo O Gran Camiño a primeira parada na derradeira campaña como profesional dun home que conta cun palmarés case inmellorábel no que se inclúen unha xeral da Vuelta a España -e outros seis podios, alén dun terceiro posto no Tour de Francia e outro no Giro de Italia -, un Campionato do Mundo en Ruta e innumerábeis vitorias en clásicas do nivel da de San Sebastián, a Flecha Valona ou a Liexa-Bastogne-Liexa.

Lamentabelmente non estarán na liña de saída do Porriño, a pesar de que os seus equipos si que serán da partida, estrelas do nivel do catro veces gañador do Tour de Francia Chris Froome (Israel Premier Tech), o sempre combativo Míkel Nieve (Caja Rural-Seguros RGA) ou o líder do Ilnur Zakarin, que aínda que lonxe queda o seu podio na Vuelta a España de 2017 segue sendo un competidor a ter en conta no panorama internacional.

Multiplicidade de eventos nas estradas galegas

O Gran Camiño non suporá a fin do ciclismo nas estradas do país, pois a Federación Ciclismo Galego (FCG) fixo público o regreso logo de dous anos no limbo a causa da Covid da Copa Galiza Máster. 

A apertura da torneo terá lugar o 27 de marzo no concello de Oroso. Deste modo, o Tambre Bike retoma en Sigüeiro o Memorial Fernando Abad, un dos primeiros eventos que se anulou no 2020 por mor da crise sanitaria. Xa a piques de entrar no verán, o 12 de xuño, estrearase o Trofeo Portus Apostoli en Noia, cita xorde promovida pola Peña Ciclista Noela. 

Os puntos que se repartan nas catro categorías Máster marcarán en boa medida o que aconteza unha semana máis tarde (19 de xuño) no desenlace da Copa, nun Gran Premio Ribeira Sacra que ten detrás o traballo do Club Ciclista Chantadino e que na súa quinta edición encargarase de resolver o renacido certame. 

Comentarios