O Gran Camiño confirma o nome do seu primeiro gran equipo

A próxima edicion da rolda ciclista profesional galega comeza a tomar forma.
O seu inesperado adeus deixará á Galiza sen ver Thibaut Pinot. (Foto: FDJ).
photo_camera O seu inesperado adeus deixará á Galiza sen ver Thibaut Pinot. (Foto: FDJ).

A edición de 2024 da Volta Ciclista á Galiza de carácter profesional, tamén coñecida como O Gran Camiño, xa ten a súa primeira escuadra confirmada, a francesa Groupama-La Française des Jeux (FDJ), que participará por vez primeira na renovada rolda galega.

O conxunto dirixido por Marc e Yvon Madiot tomará a saída o próximo mes de febreiro -coa data exacta aínda por confirmar- e torna así no primeiro da categoría World Tour que fai oficial a súa presenza no Gran Camiño 2024.

Groupama-FDJ é un dos bloques máis veteranos do pelotón internacional, que a próxima tempada alcanzará os 27 anos de existencia, todo un prodixio de lonxevidade nun deporte tan supeditado aos vaivéns dos patrocinadores.

Nas súas filas militan algúns dos corredores franceses de maior potencial, e a pesar da retirada dunha icona como Thibaut Pinot manteñen  un referente como David Gaudu, 'Top-10' nas dúas últimas edicións do Tour de Francia, ou a Arnaud Démare, un esprinter que foi tres veces campión de Francia e rematou no podio en  clásicas como a Gante-Wevelgem ou a prestixiosa Milan-San Remo. Tamén destacan o suízo Stefan Kung, especialista na loita contra o reloxo, ou os galos Lenny Martínez (vencedor da Mont Ventoux), Rudy Molard, Valentin Madouas ou Bruno Armirail, entre outros.

Segundo afirmou a organización, nos últimos meses "foron varios os conxuntos da máxima categoría, como o Groupama-FDJ, que mostraron o seu desexo de coñecer os detalles da carreira para a súa integración no seu calendario", apostilando o director xeral do certame, o ex ciclista Ezequiel Mosquera, que "varias delas xa mostraron a súa vontade de vir competir á Galiza", nomes que farán públicos ao longo das seguintes semanas.

A Galiza estará presente en Pont-Château

A localidade francesa de Pont-Château acollerá a vindeira fin de semana o Campionato de Europa de Ciclocrós, o evento continental que no 2024 se desenvolverá en Pontevedra.

O seleccionador estatal vén de facer pública a súa convocatoria, e até terras galas acudirán catro competidoras do país sobre unha delegación total de 15 membros: Laura Mira, Miguel Rodríguez, Lorena Patiño e Aroa Otero.

Comentarios