Nafti, o home que fai soñar a Lugo: "Agora son Brad Pitt, pero o día que perda volverei ser feo e calvo"

O renacido Lugo de Mehdi Nafti pon a proba a súa imbatibilidade ante o mellor equipo da Segunda División, mentres que na categoría de bronce o Compostela abre a xornada mañá ante o Guijuelo, quedando o derbi galego entre Dépor e Coruxo, así como os partidos de Pontevedra, Celta B e Rácing de Ferrol para mañá domingo.  
A incríbel xeira de resultados positivos do Lugo está ante a súa ameaza máis importante.  (Foto: CD Lugo).
photo_camera A incríbel xeira de resultados positivos do Lugo está ante a súa ameaza máis importante. (Foto: CD Lugo)

O Clube Deportivo Lugo xoga este sábado ás 21 horas en Barcelona un dos encontros máis importantes da súa historia. Esta pode parecer unha afirmación un tanto esaxerada, tendo en conta que se trata da décimo primeira xornada do campionato, pero é que o resultado do choque ante o Espanyol pode determinar o devir da tempada para o conxunto lucense. 

No caso de gañar, os de Mehdi Nafti consolidaríanse na zona alta da táboa, até o punto de que quedarían a tan só catro puntos do propio Espanyol, que até o de agora ocupa o liderado da categoría.

O desafío para o Clube Deportivo Lugo é maiúsculo, porque os periquitos son os máximos e indiscutíbeis favoritos para conseguir o ascenso directo á Primeira División, tanto por historia -pois en case cen anos tan só pasou cinco na Segunda- como polo nivel dun cadro de xogadores no que brilla o porteiro galego de 38 anos Diego López, que a pesar de ter ofertas de equipos da máxima categoría e do estranxeiro, decidiu permanecer na cidade condal para contribuír coas súas paradas a facer realidade o seu desexo de retirarse "co Espanyol en Primeira".

Nafti: "Agora son Brad Pitt, pero o día que perda volverei ser feo e calvo"

Mehdi Nafti, o home de moda en Lugo na actualidade -a pesar de que, como el mesmo di, "agora son Brad Pitt, pero o día que perda volverei ser feo e calvo"-, reflicte coas súas verbas ese cambio de mentalidade que viviu o clube a todos os niveis desde a súa chegada, e lonxe de aceptar a súa condición de Cincenta ante o xigante catalán mostrouse convencido de que "se os xogadores fan o que saben, sacaremos algo". "A priori o Espanyol é un rival superior, pero iso non vai influírnos, sabemos o que facemos", engadiu.

Deportivo-Coruxo, único derbi galego na Segunda B

Na categoría de bronce o único derbi galego da xornada será o Deportivo-Coruxo, que terá lugar na Coruña mañá ás 12 horas. A pesar da gran distancia na táboa entre os dous equipos -os locais son colíderes con sete puntos en tres partidos e o Coruxo fechacancelas logo de sumar unicamente un punto-, ambos os dous necesitan a vitoria, uns para acalar o ruxerruxe da afección branquiazul, moi crítica co xogo que están a desenvolver os de Fernando Vázquez, e os outros para saír do fondo do pozo da clasificación.

De feito, o máximo candidato ao ascenso dos 102 equipos que participan na Segunda División B non debería fiarse só dos números para xulgar o conxunto do sur da Galiza, pois acreditou méritos sobre o céspede para estar máis arriba, ademais de ser unha das escuadras que mellor coñece a categoría, na que leva dez anos de modo ininterrompido.

Porén, o primeiro partido da fin de semana con presenza galega non será este, senón o Compostela-Guijuelo, programado mañá ás 17.30 horas. Logo dun comezo titubeante, unha vitoria dos da capital permitiríalles superalos e instalarse comodamente na zona morna da táboa, aínda que para conseguilo é imprescindíbel que anoten un gol, son o único equipo da categoría que aínda non viu porta.

Xa no domingo, o Celta B recibe a Unionistas ás 12 horas e, tres horas máis tarde, ás 17, o Rácing de Ferrol visitará o histórico estadio do Helmántico para xogar contra o Salamanca. Emilio Larraz, técnico dos Diaños Verdes, congratulouse por ter dispoñíbeis todos os seus homes, e atribuíu certa falta de conexión que se albiscou no pasado encontro ante o Zamora entre certos xogadores ao feito de "incorporalos bastante tarde, polo que é lóxico que non teñan unha conexión de dez".

Por último, o Pontevedra porá fin á xornada ás 17.30 horas, precisamente ante o sorprendente Zamora, a revelación da categoría, co que está empatado a sete puntos no máis alto da clasificación.

Comentarios