sábado 19/06/21

Galiza lánzase á conquista de Madrid no Estatal de atletismo en pista cuberta

O Polideportivo Municipal Gallur de Madrid acolle desde o día de hoxe e até este domingo, 20 de febreiro, a LVII edición do Campionato de España Absoluto en Pista Cuberta, tomando así o relevo de Expourense nun torneo no que competirán seis deportistas galegas.
A lenda vivente Jean Marie Okutu aspira a lograr o seu décimo segundo título de campión absoluto. (Foto: Atletismo.gal).
A lenda vivente Jean Marie Okutu aspira a lograr o seu décimo segundo título de campión absoluto. (Foto: Atletismo.gal).

O Polideportivo Municipal  Gallur de Madrid acolle desde o día de hoxe e até este domingo, 20 de febreiro, a LVII edición do Campionato de España Absoluto en Pista Cuberta, tomando así o relevo de Expourense nun torneo no que competirán seis deportistas galegas.

A pandemia da Covid-19 condiciona por completo un certame que se desenvolverá a porta fechada, aínda que será retransmitido por Teledeporte, única opción da afección galega de seguir ao vivo o desempeño de Belén Toimil, Ana Peleteiro, Álex Barreiro, Jean Marie Okutu, Adrián Ben e Nediam Nory Vargas, as representantes da Galiza na proba.

O seu obxectivo, ademais de subir ao máis alto do caixón, será lograr a mínima de participación para o inminente Campionato de Europa baixo teito, que terá lugar na cidade polaca de Torún a principio do vindeiro mes de marzo.

A pesar das destacadas ausencias, a maioría dos nomes galegos no Estatal de Pista Cuberta son garantía de metal, como é o caso de Belén Toimil. A mugardesa está actualmente entre a elite mundial, como acreditan os 17,86 metros que vén de alcanzar hai apenas dúas semanas e que supón un inmellorábel aval de cara a conseguir a medalla de ouro.

Tamén Ana Peleteiro chega como gran favorita, no seu caso á competición do triplo salto, na que ademais de revalidar o título do ano pasado intentará calibrar o seu estado de cara ao obxectivo olímpico do presente ano.

Nesa mesma modalidade tamén participará o flamante subcampión de España Sub-23, Álex Barreiro, quen arriba en Madrid nun sensacional estado de forma e despois de saltar 15,09 metros, o seu mellor rexistro histórico.

O último saltador galego no torneo será o 11 veces campión estatal Jean Marie Okutu, quen en 2021 alcanzou unha distancia de 7,77 metros, a segunda mellor do ano, só por detrás de Daniel Solís.

Xa no medio fondo, concretamente nos 800 metros o rendemento dun Adrián Ben, que vén dunha longa lesión resulta moi difícil de prever, igual que o de Nediam Nory Vargas nunha proba con tanta competencia como é o pentatlón.

comentarios