A Galiza conta con 1.013 deportistas de alto nivel

As federacións deportivas galegas teñen case 300.000 licenzas, segundo datos achegados pola Xunta da Galiza. O número deportistas recoñecidos como de alto nivel (DGAN) supera os mil.
Piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (Foto: Nós Diario).
photo_camera Piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (Foto: Nós Diario).

A Galiza conta na actualidade cun total de 1.013 deportistas recoñecidos como de alto nivel (DGAN), alto rendemento e alto rendemento de base. É a cifra oficial que deu a coñecer onte a Xunta da Galiza a través da comparecencia no Parlamento galego do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.

Tras a publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG) a pasada sexta feira da resolución pola que se publicou o nomeamento de 171 novos deportistas recoñecidos nas diferentes categorías, a Galiza amosa cifras altas en todos os recoñecementos: 805 de alto nivel, 64 de alto rendemento deportivo, 107 de rendemento deportivo de base, 15 técnicos, 7 árbitras; 5 xuízas e 10 vitalicios. Do total, un 40% son mulleres. Ademais, no alto nivel con diversidade funcional hai 26 deportistas. 

Sobre este tema, Calvo subliñou a importancia que ten na Galiza o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra, o centro de excelencia do deporte galego, no que se preparan agora mesmo 168 deportistas. Ademais desa instalación, conta con dúas satélites -o Complexo de Regatas David Cal de Verducido (comarca de Pontevedra) e o Centro Galego de Vela en Vilagarcía de Arousa (comarca do Salnés)-, así como cos oito Núcleos de Adestramento Deportivo Especializado (NADE).

Nestas instalacións prepáranse deportistas para os Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024 así como ao resto de deportistas DGAN con resultados nos anos 2022 e 2023.

Case 300.000 licenzas

A respecto do deporte galego en xeral, Calvo sinalou que na actualidade hai case 300.000 licenzas federativas, 30% máis que en 2021 e por riba dos rexistros históricos que había en 2019. Neste sentido destacou o incremento das licenzas femininas, xa que en 2009 representaban 18% do total e hoxe xa supoñen 25%. 

En relación ao deporte base e ao programa de xogos galegos deportivos en idade escolar (Xogade), que unifica a oferta deportiva e a federada para a rapazada que teña entre 6 e 16 anos, a Xunta informou de que este ano son 135.000 as nenas e os nenos mutualizados que participan nel, conseguindo superar a cifra de 128.000 que había antes da pandemia da Covid-19.

Comentarios