Pontevedra reúne 160 atletas na VII Milla Solidaria Anedia

A saída da proba será mañá ás 11 horas no CGTD
Presentación da carreira en Pontevedra. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Presentación da carreira en Pontevedra. (Foto: Nós Diario).

Cunha participación restrinxida a 160 atletas, e con rigorosos protocolos de seguridade por mor da situación sanitaria, as instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) en Pontevedra acollerán hoxe a VII Milla Solidaria Anedia, organizada pola Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes (Anedia) en colaboración coas concellarías de Deportes e de Benestar Social do Concello de Pontevedra, a Federación Galega de Atletismo e a Secretaría Xeral para o Deporte. 

A clásica, que se enmarca dentro das actividades programadas co gallo do 14 de novembro, Día Mundial da Diabetes, e que inclúen a iluminación da fachada da Casa Consistorial con luz de cor azul e o despregue dunha pancarta conmemorativa na Casa da Luz, ten a saída programada para o día de mañá ás 11 horas, e será retransmitida por streaming co obxectivo "de que toda a cidadanía poida "gozar da proba desde a casa".

Durante a presentación da carreira, o concelleiro de deportes da cidade do Lérez, Tino Fernández, sinalou que organizando este evento pretenden "concienciar a xente de que si se pode celebrar unha proba ao aire libre, sempre e cando se trate de deporte individual, cun protocolo estrito e coa maior esixencia e responsabilidade".

Con respecto a ese protocolo, Gonzalo Méndez, director técnico da Milla Solidaria Anedia, explicou que será "moi especial en todos os sentidos, xa que se aplicará dentro e fóra do Estadio, tentando que non haxa aglomeracións tampouco no exterior e non permitindo que accedan ao interior máis persoas que atletas e adestradoras". 

“Haberá 16 atletas por proba, saíndo oito por carreira, desde Sub-10 até absoluta, en categorías masculina e feminina (dúas series: A e B), e permitirase unha adestradora por cada cinco deportistas, dúas se teñen 10.

O protocolo será moi severo neste sentido para que haxa moi pouquiña xente dentro, só as que van competir, e por iso estamos convencidos de que todo vai saír ben", subliñou

Méndez, quen engadiu que a primeira proba, "a das máis pequenas", dará comezo ás 11 horas, mentres que "a milla das maiores, de 1.609 metros, iniciarase ás 13 horas". O director técnico da competición matizou que "esta será a primeira vez que se realice no Estado unha milla en pista destas características".

Comentarios