A Galiza alcanza un número récord de Deportistas de Alto Nivel

A cifra, publicada no DOG, chega ás 1.090 persoas.
O remeiro Caetano Horta (Foto: Nós Diario).
photo_camera O remeiro Caetano Horta (Foto: Nós Diario).

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou no seú número desta sexta feira a resolución coa relación vixente de Deportistas de Alto Nivel, Alto rendemento e Rendemento Deportivo de Base da Galiza e diferentes colectivos deportivos, que ascende a un total de 1.090 atletas.

Así, este número supón rachar cun teito histórico, alcanzando cifras récords en todas as categorías. Deste modo, e ao amparo  desta última resolución, recoñecéronse 157 novos deportistas, entre os que destacan nomes como os de Inés Ameneiro (vela), Mateo Boudjenane (taekwondo), Paula Ferradás (salvamento e socorrismo), Caetano Horta (remo), Ruth Lorenzo (karate), Araceli Menduiña (paracanoe), Ana Peleteiro (atletismo) ou Lydia Pérez (loita).

Neste sentido, e sobre a base das 1.090 deportistas galegos que reciben esta distinción, 661 dos mesmos son homes, mentres que 429 son mulleres, representando aproximadamente 80%  (859) os Deportistas Galegos de Alto Nivel (531 masculinos e 328 femininas). 

Ademais, o Diario Oficial da Galiza revela que hai 109 Deportistas de Rendemento Deportivo de Base (55 mulleres e 54 homes); 74 Deportistas de Alto Rendemento (26 mulleres e 48 homes); 23 Técnicos de Alto Nivel (catro mulleres e 19 homes); 15 árbitras e xuízas (11 mulleres e catro homes); e 10 Deportistas Galegos de Alto Nivel Vitalicios (cinco mulleres e cinco homes).

Entre estes últimos están Carlos Arévalo, Carlos Pérez, Teresa Portela e Cristian Toro (piragüismo), Támara Echegoyen, Nico Rodríguez e Sofía Toro (vela), Adi Iglesias (atletismo adaptado), Susana Rodríguez Gacio (paratríatlon) e Chano Rodríguez (natación adaptada).

Finalmente, tamén están recoñecidas 28 deportistas da Galiza con diversidade funcional, 11 mulleres e 17 homes.  

Comentarios