Xustiza

A Fiscalía pide 2 anos e 6 meses de prisión para Rubiales polo bico non consentido e as presuntas coaccións a Jenni Hermoso

Tamén pide un ano e medio de cárcere para o director deportivo da selección masculina, Albert Luque; o ex adestrador, Jorge Vilda, e o ex responsábel de Márketing da Federación, Rubén Rivera, por coaccións.
Luis Rubiales, presidente da RFEF, o 22 de agosto na Moncloa. (Foto: Oscar J. Barroso / Afp7 / Europa Press)
photo_camera Luis Rubiales, ex presidente da RFEF, o pasado 22 de agosto na Moncloa. (Foto: Oscar J. Barroso / AFP7 vía Europa Press)

A Fiscalía da Audiencia Nacional pide condenar a dous anos e seis meses de cárcere ao ex presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, polo bico non consentido e as presuntas coaccións posteriores á xogadora do Tigres mexicano e a selección estatal, Jennifer Hermoso.

No seu escrito de acusación o Ministerio Público solicita impor ao ex futbolista de Mallorca, Lleida ou Levante un castigo dun ano de prisión por un delito de agresión sexual, así como outro dun ano e seis meses por "coaccións en concepto de autor".

A Fiscalía, ademais, tamén pide á Audiencia Nacional que condene a un ano e seis meses de cárcere por un delito de coaccións ao ex xogador do Deportivo da Coruña entre 2002 e 2006 e actual director da selección española, Albert Luque; ao ex preparador do combinado estatal, Jorge Vilda; e ao responsábel de márketing da RFEF, Rubén Ribera.

E, a maiores, propón que Rubiales indemnice con 50.000 euros a Hermoso polo bico logo da conclusión da final do Mundial de Oceanía e que o mandatario, xunto co resto de acusados, a resarza con outros 50.000 euros polas presuntas coaccións.

O razonamento ao que chega a Fiscalía é que, a raíz dese bico, Rubiales, "ante as consecuencias persoais e profesionais que lle podía supor, e en conivencia co resto dos acusados, comezou a exercer actos constantes e reiterados de presión directamente sobre a xogadora e a través da súa familia e amizades coa finalidade de que, publicamente, xustificase e aprobase o bico que lle deu contra a súa vontade".

Sobre o resto dos acusados, a acusación indica que "Vilda, Rivera e Luque eran persoas de confianza de Rubiales", lembrando que accederon aos seus cargos baixo o seu mandato como presidente da RFEF, "dependendo, por tanto, a súa privilexiada situación laboral da sorte que correse o seu presidente".

O Ministerio Fiscal sostén que   todo o anterior traduciuse nunha "situación de acoso" cara Jennifer Hermoso, e incluso a familiares seus, "impedíndolle desenvolver a súa vida en paz, tranquilidade e libremente". "Isto tan só concluíu cando Luis Rubiales foi suspendido provisionalmente pola FIFA o 26 de agosto de 2023", remata o escrito de acusación.

Comentarios