Xustiza

A longa sombra da corrupción volve sobrevoar o fútbol español e a súa Federación

Luis Rubiales, no estranxeiro, non puido ser detido.
Axentes da Europol e da Garda Civil, diante da sede da RFEF logo de levar a cabo o seu rexistro. (Foto: Europa Press).
photo_camera Axentes da Europol e da Garda Civil, diante da sede da RFEF logo de levar a cabo o seu rexistro. (Foto: Europa Press).

A Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil levou a cabo unha operación por delitos de corrupción e branqueo de capitais que incluíu rexistros na sede da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) en Madrid e tamén na casa en Granada do que fora o seu presidente, Luis Rubiales, por presuntas irregularidades en contratos.

Segundo informaron fontes da investigación, estes rexistros enmárcanse dentro dunha investigación "por presuntos feitos delituosos asociados á corrupción nos negocios, a administración desleal e o branqueo de capitais". 

En concreto, afecta a supostas irregularidades en contratos da RFEF desde 2018, ano no que comezou a etapa de Luis Rubiales á fronte da mesma, razón pola cal as pescudas están centradas na contorna máis próxima dun home que non foi detido por atoparse na República Dominicana, onde leva xa case un mes.

O rexistro estivo dirixido polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 4 de Maxadahonda (Madrid), en coordinación coa Fiscalía contra a Corrupción e a Criminalidade Organizada, e chega case dous anos despois do comezo das investigacións sobre o contrato asinado con Arabia Saudita en 2019 para organizar no seu territorio nacional a Supercopa de fútbol, logo da denuncia presentada o 30 de maio de 2022 pola Asociación Transparencia e Democracia no Deporte.

Esta non só implicou Rubiales e a RFEF, senón tamén ao ex xogador do Fúbol Club Barcelona Gerard Piqué e á súa empresa Kosmos, ao considerar que a súa actuación prexudicou o organismo federativo.

En total, desenvolvéronse máis dunha decena de rexistros en domicilios particulares, así como polo menos media ducia de detencións, ademais de requirimentos xudiciais a distintas entidades públicas e privadas. 

Máis en DEPORTES
Comentarios