Xustiza

Orde de detención contra Rubiales, os contratos da Supercopa e a corrupción na RFEF: que se sabe do caso?

A Fiscalía ordena deter o ex presidente da Federación en canto regrese ao Estado español, xa que se atopaba na República Dominicana cando a Garda Civil rexistrou a súa vivenda e a propia sede da RFEF e detivo varias persoas da súa contorna por posíbeis delitos de corrupción e branqueo de capitais.
O ex presidente da RFEF, Luis Rubiales, durante unha rolda de prensa cando aínda estaba no cargo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ex presidente da RFEF, Luis Rubiales, durante unha rolda de prensa cando aínda estaba no cargo. (Foto: Europa Press)

A operación da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil por posíbeis delitos de corrupción na Real Federación Española de Fútbol (RFEF) deixou até o momento cinco detidos en Madrid e outros dous en Granada, á espera da volta ao Estado español do ex presidente da entidade, Luis Rubiales, xa que se investiga a comisión dos delitos durante a súa etapa á fronte da RFEF.

Segundo confirmaron fontes da investigación citadas pola axencia Europa Press, a Fiscalía pedirá unha orde de detención para Rubiales se non regresa da República Dominicana, aínda que a previsión é que retorne cedo. Rubiales non se atopaba no Estado mentres os axentes practicaban as sete detencións e once rexistros, entre eles un na propia vivenda do ex presidente da RFEF en Granada e outro nas instalacións en Las Rozas (Madrid) da Federación.

Entre os arrestados atópanse antigos colaboradores de Rubiales como Tomás González Cueto e Pedro González Segura, segundo confirmaron fontes do caso, que tamén informan de que entre os detidos figuran José Javier Jiménez e Ramón Caravaca. Hai tamén até cinco persoas investigadas, entre elas o ex futbolista Francisco Javier Martín Nené, da máxima confianza de Rubiales.

Os axentes indagan nas presuntas irregularidades nos contratos para xogar a Supercopa de España de fútbol en Arabia Saudita, un caso que implicaría tamén o ex xogador do Barça Gerard Piqué. Tamén pediron información sobre contratos de obra no estadio de La Cartuja de Sevilla no marco da investigación xudicial por posíbel corrupción e branqueo de capitais que afecta a etapa de Luis Rubiales á fronte de RFEF.

En concreto, trataríase de contratos de obras a acometer en La Cartuja pero alleas á celebración das grandes competicións que se organizan neste estadio da capital andaluza que acolle, entre outros, os partidos da Selección Española de Fútbol. Fontes da Consellaría de Turismo da Junta de Andalucía tamén confirmaron que a UCO requiriu información sobre estes contratos relativos ao estadio.

Anticorrupción e Europol

A petición de información cursouse no marco das dilixencias ordenadas polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 4 de Majadahonda (Madrid) por presuntos feitos delituosos asociados á corrupción nos negocios, a administración desleal e o branqueo de capitais entre 2018 e 2023, cando Luis Rubiales estaba á fronte da RFEF.

A xuíz indaga en contratos presuntamente irregulares como o que levou a Supercopa de España de fútbol a Arabia Saudita, nun acordo no que mediou Gerard Piqué, ex futbolista e agora presidente da empresa Kosmos. Rubiales estivo á fronte da RFEF entre 2018 e 2023, cargo do que dimitiu tras a denuncia da xogadora Jennifer Hermoso polo bico que lle deu nos beizos, sen consentimento, na celebración do Mundial de fútbol que gañou España. O ex directivo tamén foi vicepresidente da UEFA durante ese tempo.

As dilixencias policiais están a practicarse en coordinación coa Fiscalía Especial contra a Corrupción e a Criminalidade Organizada. Ademais, conta con apoio de EUROPOL e desenvólvese en varios puntos do Estado español.

Máis en DEPORTES
Comentarios