Xustiza

Fiscalía pide 9 anos de cárcere para Dani Alves por agresión sexual

O futbolista está acusado de violar unha moza nos aseos dunha discoteca de Barcelona en decembro do pasado ano e de retela contra a súa vontade.
O futbolista Dani Alves, na previa dun partido, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O futbolista Dani Alves, na previa dun partido, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

A Fiscalía de Barcelona reclamou unha condena de nove anos de cárcere para o futbolista Dani Alves por presuntamente agredir sexualmente unha moza na discoteca Sutton da capital catalá o 30 de decembro de 2022. Pide, ademais, outros dez anos de liberdade vixiada. No escrito de acusación, o fiscal tamén reclama unha indemnización de 150.000 euros, que o xogador xa depositou, para a vítima nun escrito que presentou despois de que a semana pasada a Audiencia de Barcelona enviou o caso a xuízo unha vez terminada a fase de instrución.

Esa noite, Alves estaba cun amigo nun reservado da discoteca, da que era cliente habitual, concretamente nunha mesa separada do resto por unha cadea e que ten "acceso exclusivo á chamada Suite". A porta xunto a esa mesa dá a un corredor onde hai un acceso a un pequeno lavabo e unhas escaleiras que soben a unha sala cun sofá, televisor e neveira.

A denunciante fora á mesma discoteca coa súa curmá e unha amiga. Primeiro estiveron na sala xeral e entraron ao reservado convidadas por outros clientes que estaban alí. Alves e mais o seu amigo pediron a un camareiro do local que convidase a denunciante e as súas amigas a tomar unha copa de champaña con eles, algo que elas rexeitaron ao principio pero finalmente accederon "ante a insistencia, pois se lles reiterou nunha segunda ocasión".

O futbolista, que tiña na súa mesa unha botella de 1,5 litros de champagne rosado, convidou as mozas a unha copa e os cinco estiveron a bailar e charlando na zona da mesa VIP. Durante ese tempo, expón a fiscal, Alves estivo pendente da denunciante "todo o tempo, abrazándoa e achegándose a ela, e en dúas ocasións estando situado tras ela agarroulle a man e achegoulla á zona do seu pene, apartando rapidamente a man" ela ao darse conta.

Cando as mozas levaban uns 20 minutos na mesa de Alves, el entrou pola porta que está xunto á mesa e dá acceso á Suite, e dous minutos despois asomouse pola mesma porta e pediu á denunciante que fose con el, para o que lle cedeu o paso e entrou tras ela, que non sabía como era o espazo.

Unha vez cruzaron a porta, Alves presuntamente "introduciuna no pequeno aseo que se atopa no corredor, fechando tras eles a porta para impedir que a muller puidese marchar de alí", polo que a moza pediulle que a deixase saír, pero o futbolista presuntamente negouse e empezou a manoseala.

A fiscal expón no seu escrito que Alves presuntamente tirou do pelo á muller, fíxoa caer ao chan de xeonllos, tentou obrigala a facerlle unha felación, ao que ela se resistiu,, e "propinoulle varias labazadas na cara mentres lle exixía en múltiples ocasións que dixese 'son a túa putita'". A muller insistiu a Alves en que a deixase marchar, ao que non accedeu, e "ante a actitude violenta que este mostraba, sentiuse impresionada e sen capacidade de reacción, chegando a sentir que lle faltaba o aire dada a situación de angustia e terror ante o que estaba a vivir".

Logo, Alves levantouna do chan e violouna presuntamente no mesmo aseo "até exacular dentro dela, sen usar preservativo e sen o seu consentimento", e despois marchou, deixou a moza no baño e non volveron falar porque ela marchou coa súa curmá sen despedirse do futbolista. Cando as mulleres ían cara á saída, a denunciante rompeu a chorar e atendérona traballadores de Sutton, que activaron o protocolo de agresións sexuais, e cando marchaban Alves e o seu amigo cruzáronse coa denunciante e as amigas, pero non lles dixeron nada.

Comentarios