A Federación Galega de Fútbol estuda recuperar os partidos da selección galega

O seu presidente, José García Liñares, asegurou que está a negociar dous partidos da selección absoluta masculina contra Catalunya para o vindeiro 2014. De se confirmar, a Irmandiña volvería de maneira oficial após cinco anos da loita de Siareir@s galeg@s.

selección
photo_camera Selección galega

Segundo informou a Federación Galega de Fútbol a través das redes sociais e do seu presidente, José García Liñares, o organismo estaría a estudar unha posíbel volta da selección absoluta masculina para o 2014. Neste senso, e de acordo coas declaracións de Liñares no programa Coruña deportiva, desde hai semanas a Federación galega estaía a negociar coa catalá para enfrontar ambos os dous combinados. 

"Aínda estamos falando", sinalou o presidente da FGF mais "o problema que hai", indicou, "son as datas". Neste senso, a Federación prevé que os encontros se disputen nas dúas nacións, un na Galiza e outro no Principat e, segundo Liñares, "non hai moitas opcións" polo que podería ter lugar o vindeiro mes de decembro. Mais, acrecentou, "se non poden ser os dous en 2014 pois que, cando menos, se dispute un e o outro fique para máis adiante". 

De saíren adiante as conversas, a selección absoluta masculina de fútbol volvería aos terreos de xogo de maneira oficial e con apoio institucional após cinco anos en que o traballo de Siareir@s Galeg@s manitivo aceso o facho da Irmandiña con combinados mixtos e xogador@s de Terceira División. Este 28 de decembro, Galiza batirase contra Occitania en Lugo. 

Comentarios