A fazaña galega de rematar no Paraguai o último mundial de 'raid' de aventura

O equipo Keltoi quedou clasificado en 12º lugar entre 70 participantes no raid de aventura no Paraguai, denominado Expedición Guaraní. 
Saída dos 70 equipos do mundial o pasado 17 de setembro perto de Asunción, no Paraguai (Foto: Expedición Guaraní).
photo_camera Saída dos 70 equipos do mundial o pasado 17 de setembro perto de Asunción, no Paraguai (Foto: Expedición Guaraní).

O campionato do mundo de raid de aventura no Paraguai, denominado Expedición Guaraní, é unha das probas deportivas máis duras do mundo.

A edición deste ano transcorreu do 17 de ao 24 de setembro e nela participaron 70 equipos de todo o mundo, entre eles o galego denominado Keltoi, único representante do Estado español, formado por Marcos Varela (A Coruña), Felipe Pena (A Coruña), Juan Carlos Vázquez Souto (Culleredo) e Mariana Montes Maraves (Brasil). O resultado final, ao remate da competición, non podía ser máis meritorio, ao quedar 12º na clasificación xeral.  

A dureza da aventura

A competición consistiu nun percorrido combinado de sendeirismo, kaiak e bicicleta de montaña (BTT). Comezou cun roteiro 120 km pola selva (unhas 31 horas de duración), seguido por un desprazamento en kaiak de 94 kms.

Continuou con traxectos seguidos de 90 km de BTT, 35 km de sendeirismo, 74 km de BTT, 3 km de sendeirismo, e 104 km de BTT para rematar, por último, cunha carreira de 10 kms até a meta. As probas fanse seguidas (día e noite) sen parar e cada equipo xestiona o seu descanso ao non ter un horario de parada estipulado. 

Mentres o equipo aínda está de volta do Paraguai, Susana Espiñeira, a súa voceira na Galiza, explica a Nós Diario que o mundial “foi unha carreira extremadamente complicada, debes ser unha persoa moi organizada, disciplinada, para procurar non ter máis complicacións das que xa teñen as propias probas”. 

Durante sete días o equipo tivo que levar a súa propia comida, roupa e todo o material necesario. “Até as pilas dos frontais de luz que precisaron para ver de noite ou os mapas de orientación que tiveron que mercar para guiarse e ir polo trazado correcto, baixo penalización de quedar fóra da proba”, relata Espiñeira, que engade o “gran valor tanto deportivo como a nivel persoal e o sacrificio que teñen que facer economicamente para poder participar”. 

Competición de equipo

Neste tipo de competicións é imprescindíbel o traballo en equipo. “Son probas deportivas con grupos de catro compoñentes, sempre en carreira, que non corren por quendas, senón que deben ir sempre xuntos e nunca poden separarse máis dunha distancia de 50 metros”, sinala a voceira de Keltoi. “Ao ser un deporte de equipo, se hai unha lesión ou alguén do mesmo non continua por calquera outro motivo, o resto estaría fóra de carreira”, apunta Espiñeira. 

O mundial, como acontece con outras competicións de aventura, estivo organizado como unha carreira cun percorrido marcado con balizas ás que teñen que chegar usando un mapa e un compás para orientarse polos distintos roteiros que, na súa maior parte, eran sendas monte a través. En cada lugar, teñen que chegar a elas e picalas cunha pinza electrónica ou manual para que a organización controle os tempos de cada equipo. 

A voceira do equipo galego-brasileiro amósase “orgullosa” do resultado e agarda que  o mesmo implique “máis apoio e recoñecemento” social e por parte de patrocinadores públicos e privados de cara a futuros retos do equipo.

Comentarios