O II Trofeo Xeoparque Cabo Ortegal, un modelo de promoción a través do deporte

Gallaecia Raid volve cunha proba de orientación en bicicleta de montaña por segundo ano consecutivo a Cedeira. Nesta ocasión súmase Cariño con outra proba de sprint.
A primeira edición do Trofeo Xeoparque pasou por lugares espectaculares do Cabo Ortegal (Foto: Iván Noguerol).
photo_camera A primeira edición do Trofeo Xeoparque pasou por lugares espectaculares do Cabo Ortegal (Foto: Iván Noguerol).

O deporte pode servir para dar a coñecer un territorio e tamén para melloralo. Con esta idea os concellos de Cedeira e Cariño acollerán este sábado 24 de setembro o II Trofeo Xeoparque Cabo Ortegal de MTBO (orientación en bicicleta de montaña), unha proba organizada polo club Gallaecia Raid e a Federación Galega de Orientación

Á espera de se a UNESCO dá o seu visto bo á candidatura de xeoparque, unha nova que non tardará moito en chegar após a última visita de avaliación oficial realizada de maneira presencial o 31 de agosto, a visibilidade está garantida neste evento por segundo ano con 200 inscricións xa confirmadas. 

Sobre deporte e promoción falaba o alcalde de Cariño, José Miguel Alonso, durante a presentación da iniciativa esta semana admitindo que “a través desta proba, unha das máis interesantes de todo o circuíto galego de orientación, aproveitamos para pór en valor o noso territorio natural, combinándoo co deporte ao aire libre”.

Co mesmo razoamento expresábase a vicepresidenta de Gallaecia Raid, Claudia Oreiro, que sinalaba que coa continuidade do trofeo  contribuían a que, "tanto os concellos de Cedeira e Cariño como o proxecto de Xeoparque poidan conseguir máis visibilidade”. 

O atractivo familiar da orientación

Da grande aceptación que esta a ter o deporte da orientación alá onde se practica é consciente Adriana González, membro do Gallaecia Raid. En declaracións a Nós Diario apunta que o seu éxito ten que ver coa práctica en familia.

“Pódese competir a un mesmo tempo nas diferentes categorías por idades e iso facilita que veñan familias enteiras”, asegura. No caso deste trofeo uniuse un interese mutuo entre o Xeoparque e a propia disciplina deportiva. "Sempre buscamos lugares atractivos e de moito interese para desenvolver as nosas probas e este é un claro exemplo", conclúe.

Liga Galega e Campionato Galego de Sprint

Este II Trofeo Xeoparque Cabo Ortegal de MTBO comezará pola mañá en Cedeira cunha proba de distancia longa entre as 10 e as 14 horas que valerá para a liga galega. Como novidade, pola tarde, de 16 a 19 horas, terá lugar a proba de Cariño, tamén con valor para a liga galega e que ademais inclúe un Campionato Galego de Sprint. É posíbel participar en só una das dúas probas mais para optar ao trofeo é necesario facelo nas dúas.

As persoas que participen deberán completar un extenso percorrido de orientación no menor tempo posíbel, superando as dificultades naturais que se atopen ao seu paso, empregando exclusivamente as súas propias forzas, sen recibir axuda externa nin valerse de medios motorizados.

Este percorrido ten que ser descoñecido de antemán, sendo o itinerario entre controis libre, polo que non estará sinalizado o terreo, o que supón a necesidade de obter a información por fontes non habituais como o mapa, que será a principal fonte, polo que se necesitarán grandes habilitades de orientación para realizar un aproveitamento máximo. A entrega de trofeos realizarase tras finalizar a proba de Cariño, na meta situada na Avenida da Paz, á beira da Casa do Concello. 

Comentarios