A experiencia de promover o deporte na educación a través da súa indumentaria

O IES Maruxa Mallo de Ordes dá visibilidade aos éxitos do seu alumnado. 
Algunhas das prendas deportivas expostas no IES Maruxa Mallo de Ordes (Foto: S. Amado).
photo_camera Algunhas das prendas deportivas expostas no IES Maruxa Mallo de Ordes. (Foto: S. Amado)

Achegar o deporte á mocidade non sempre é doado. Facelo desde o ámbito educativo a través da materia obrigatoria pode ter os seus inconvenientes. No IES Maruxa Mallo de Ordes atoparon hai uns anos unha fórmula que puxera en valor a actividade física relacionándoa cos clubs e deportistas de primeiro nivel. 

Dous profesores de Educación Física dese centro, Óscar Gómez e Anxo Fernández, idearon a creación dunha exposición de  indumentaria de deportistas que pasaron por ese instituto e conseguiron as súas metas, ademais de contar con outras de equipos profesionais que recollían asistindo aos seus campionatos como actividade extraescolar.  

“Mudar” unha parede

Anxo Fernández agora continúa a súa andaina laboral nun centro de Santiago mais lembra como comezou o proxecto en Ordes. “Tiña moita relación con Pablo Cacheda, xogador do Pilotes Posada, entre outros equipos de balonmán, ademais de mundialista e con premios europeos. Fomos ver un partido e agasallounos cunha camiseta asinada”, relata o profesor a Nós Diario.

Esa primeira camiseta comezou a colección. O lugar escollido para colocala foi un gran muro baleiro no interior do centro que “afeaba” o edificio. “Ao principio comezamos nós mesmos cunha escaleira de máis de cinco metros mais despois xa tivemos colaboración municipal”, indica este profesor. 

A idea foi medrando, distribuíndose os dous profesores o traballo polos deportes que explicaban nas súas aulas. Comezaron a contactar cos diferentes equipos, desde o baloncesto até o hockey a patíns, “unha disciplina con moito arraigo na comarca”, sumando camisetas e outros elementos da indumentaria deportiva. 

Medio cento de prendas

Para conseguir esta colección, que medra cada ano, non só aproveitaron as saídas para ver  os partidos e as competicións, tamén tiveron en conta as numerosas charlas relacionadas co deporte que organizaron no propio centro, como foi o caso da visita a Ordes da futbolista compostelá Verónica Boquete ou dos campións de triatlón Iván Raña e Antón Ruanova. 

O director do instituto, José Manuel Dopazo, recoñece en conversa con Nós Diario que a galería deportiva do centro “sorprende e asombra”. Co tempo dispuxeron unha iluminación específica que dignificara o espazo. “É un estímulo para o alumnado, unha maneira de dicirlles que, se queren, poden participar merecéndose a actividade”, explica Dopazo. 

A galería conta tamén cun lugar especial onde se poden ver obxectos do alumnado que pasou polo instituto. Nel están representados deportes como o hóckey a patíns, a patinaxe artística, o tiro con arco, o culturismo, o salvamento marítimo e o taekwondo. Fernández salienta a indumentaria de deportistas locais “dos xogadores do Ordes que chegaron á final a catro de hóckey ou a atleta internacional Lara López en Salvamento e Socorrismo que pasou no seu día polo centro”.

Este profesor, agora no CEIP Raíña Fabiola, comezou unha nova colección que polo de agora conta con doce camisetas e buscará seguir coa experiencia na capital galega.


Coñecer deportistas como incentivo para unha materia

Conseguir a indumentaria despois dun partido ou tras unha charla no centro implica outra acción de promoción máis: poder coñecer en persoa as grandes figuras galegas do deporte galego. Un dos promotores da galería, Anxo Fernández, salienta a Nós Diario "as facilidades de case todos os equipos que visitamos, que non nos cobraban a entrada, e a dos propios xogadores, como o caso de Santi Moar que xoga a fútbol nos Estados Unidos".

Comentarios