A hora dos deportes galegos

San Cristóbal (A Coruña) vence na Supercopa galega de chave e Andrés Garrido faino na modalidade de billarda. Aliás, os vigueses Keltoi resultaron campiones da Copa Asociación de Fútbol Gaélico.
chave
photo_camera O campo Víctor Fernández Alonso da Coruña acolleu a final dos campionatos de chave e billarda.(Foto: Federación Galega de Chave)

Fin de semana frenética para o deporte galego. O sábado o Noia Portus Apostoli materializou o seu ascenso á máxima categoría do fútbol sala tras vencer por tres goles a un o Leganés, mentres o Balonmán Cangas caía de forma heroica fronte ao Barça nas semifinais da Copa do Rei (36-28).

E este domingo todas as olladas están postas no fútbol, cun decisivo derbi en Balaídos (ás 12 horas) entre o Celta B e o Deportivo na Primeira División RFEF.

Porén, este sábado o foco mediático tornou tamén cara aos deportes tradicionais. Por vez primeira, a TVG2 retransmitiu en directo a Supercopa da Galiza de chave e billarda, dúas competicións nas que se enfrontaron os respectivos campións e campioas das divisións territoriais.

O encontro decorreu no Campo Víctor Fernández Alonso da Coruña e tivo unha notábel afluencia de público.

A Supercopa de chave enfrontou San Cristóbal (A Coruña) e Rústico Rañobre de Arteixo, campión de Liga e subcampión de Copa respectivamente, xa que San Cristóbal venceu en ambas as competicións a pasada tempada. O título, novamente, foi para o equipo coruñés.

Por outra parte, na billarda competiron doce xogadores e xogadoras —dez homes e dúas mulleres— que clasificaran á Supercopa tras superaren unha fase previa. Pertencen a oito equipos de billarda da Laracha, Ribadeo, Cerceda, Sanxenxo, Bueu, Pontevedra e Vigo.

A vitoria nesta modalidade deportiva foi para 'Che' (Rinoceronte de Pontevedra), que tras o encontro celebrou o seu trunfo particular e o do propio deporte no que compite en xeral. O segundo posto foi para Xan Rodiño (Lúa de Forza de Sanxenxo), e o terceiro, para Ricar (Corredoiras de Bueu).

Os deportes autóctonos da Galiza probaron este sábado un escenario mediático no que queren ficar.

Keltoi vence no fútbol gaélico

Noutra orde, os campos de fútbol da Picota e Pino de Val, en Mazaricos, foron a sede este sábado da I Copa Asociación de Fútbol Gaélico, coa presenza de Fillos de Breogán, Lume de Beltane, Auriense, Estrela Vermelha, Cambados, Keltoi, Mazaricos e Herdeiros de Dhais. Os vigueses Keltoi obtiveron a vitoria.

277107805_286338107015108_366618214792461068_n
Keltoi, gañadores da Copa Asociación de Fútbol Gaélico. Foto: Concello de Mazaricos

Comentarios