Fútbol | Copa

O Espanyol e o árbitro eliminan o Celta

A escuadra celeste di adeus á Copa após perder 3-1 no RCDE Stadium nun choque que acabou con Hugo Mallo de porteiro.
O tanto inicial de Paciência no minuto 15 fixo pensar que o partido sería un mero trámite, pero nada máis lonxe da realidade. (Foto: RC Celta).
photo_camera O tanto inicial de Paciência no minuto 15 fixo pensar que o partido sería un mero trámite, pero nada máis lonxe da realidade. (Foto: RC Celta).

Non puido ser. O Celta quedou sen o soño de levantar a Copa no ano do centenario logo de caer eliminado en dezaseisavos tras perder por 3-1 contra o Espanyol no RCDE Stadium.

O vigués Diego Martínez, adestrador do conxunto local, apostou de inicio por Pere Joan; Rubén Sánchez, Montes, Cabrera, Oliván; Roger Santamaria, Vini Souza, Lazo, Edu Expósito, Puado e Braithwaite, deixando fóra o tamén galego e ex celeste Joselu, máximo goleador branquiazul no que vai de Liga. 

Con respecto ao Celta, falábase nestas mesmas páxinas de Nós Diario de que o concepto de "futbolistas menos habituais" non aplicaba para un cadro de xogadores tan curto como o celeste, pero Carlos Carvalhal nin sequera rotou o porteiro, optando por deixar no banco Iván Villar e reafirmar a condición de titularísimo de Marchesín.

Deste modo, ademais do gardameta arxentino, o técnico portugués optou por xogar cunha sorte de 4-2-3-1 con Kevín, Aidoo, Unai Núñez e un Franco Cervi reconvertido nun lateral esquerdo ao máis puro estilo de Roberto Carlos; Tapia, Gabri Veiga, Óscar Rodríguez, Luca De la Torre e Carles Pérez no centro do campo e Gonçalo Paciência como única referencia ofensiva.

O portugués, con permiso de Luca De la Torre o máis "suplente" de entre todos os escollidos por Carvalhal, aproveitou os seus minutos anotando o 0-1 no minuto 15 despois de aproveitar un marabilloso pase de Óscar Rodríguez no corazón da area perica.

Con este resultado o partido alcanzou o período de descanso sen que a escuadra olívica pasara demasiados apuros. Moi distinta foi a reanudación, pois o empuxe -en ocasións moi agresivo- do Espanyol concluíu cun gol de Puado á saída dun córner no que o Celta foi vítima do seu mal endémico esta tempada, a pasividade da defensa. Despois chegou un período de alternativas no que ninguén foi quen de se impor, polo que a eliminatoria chegou á prórroga.

Na prolongación foi mellor o Espanyol, certo, pero o árbitro contribuíu non anulando por fóra de xogo o 2-1 de Darder no  96 e expulsando inxustamente Marchesín no 111, obrigando a que Hugo Mallo exercera de porteiro no que restaba de encontro dun modo moi competente, a pesar de encaixar o terceiro no 118.

Comentarios