Fútbol | Copa

PREVIA | O Celta, a superar un novo chanzo na Copa ante o Espanyol máis galego

Os pupilos do vigués Diego Martínez, entre os que destaca o goleador galego Joselu, serán un duro obstáculo
Martínez (na imaxe) e Carvalhal protagonizarán un interesante duelo estratéxico no partido de hoxe (19 horas). (Foto: Europa Press).
photo_camera Martínez (na imaxe) e Carvalhal protagonizarán un interesante duelo estratéxico no partido de hoxe (19 horas). (Foto: Europa Press).

A maratón de partidos que comezou o Real Club Celta de Vigo co compromiso ligueiro do pasado día 30 de decembro ante o Sevilla continúa hoxe cunha segunda parada na que medirá forzas contra outro equipo de Primeira División, mais no marco da Copa do Rei: o Real Club Deportivo Espanyol.

O sorteo non foi en absoluto favorábel aos intereses olívicos, pois o galego-catalán será o único duelo dos dezaseisavos de final no que se enfronten dúas escuadras da máxima categoría, nun choque programado ás 19 horas no RCDE Stadium

Será un xogo do máis especial para os dous vigueses nas filas pericas, o técnico Diego Martínez e o goleador Joselu Mato. O primeiro escolleu este verán o Espanyol para regresar ao fútbol despois dun merecido ano sabático logo de deixar o Granada no máis alto, que xa sen el á fronte do club rematou por descender á Segunda na 2021/22.

Con todo, os resultados non acaban de acompañalo no segundo equipo con máis afección da Cidade Condal, pois suma oito derrotas, catro empates e tan só tres vitorias para totalizar 13 puntos, exactamente os mesmos que leva o Celta, o que deixa clara a igualdade existente entre ambos os contendentes copeiros.

Porén, o inesperado punto que sumaron os seus homes no recente derbi barcelonés supuxo unha inxección de moral para un Espanyol  que empatou grazas a un tanto anotado polo tamén vigués Joselu Mato, máximo realizador branquiazul con oito goles, cantidade que o eleva á segunda posición no ránking estatal de anotadores, só por detrás do polaco Lewandowski. 

O veterano dianteiro de 32 anos -que este último verán puido engrosar as filas celestes, sendo descartado tanto pola súa idade como polo seu elevado salario- promete ser a gran ameaza para os intereses do seu equipo até o ano 2010, mais o feito de que Diego Martínez non vaia confirmar a convocatoria até o día de hoxe impide avanzar un once que -saltando á piscina e asumindo o risco de que non teña auga- se non hai novidades de última hora poderían conformar Lecomte; Oscar Gil, Calero, Cabrera, Brian Olivan; o ex deportivista Edu Expósito, Vinicius Souza, Darder; Braithwaite, Puado e Joselu Mato.

Carvalhal dará minutos aos menos habituais

Nun cadro de xogadores tan reducido como ten o Celta na presente campaña -de aí as numerosas especulacións sobre posíbeis fichaxes no mercado invernal, sento o último protagonista do ruxe-ruxe das incorporacións o dianteiro valenciano do Gil Vicente portugués Fran Navarro- non resulta do máis acaído falar de "menos habituais", pois as circunstancias obrigan a que practicamente todos os xogadores conten con minutos.

Porén, e como na Granxa dos animais de Orwell [ollo, alerta de spoiler], algúns son máis iguais que outros, e por iso, o técnico Carlos Carvalhal optaría por realizar varios cambios con respecto ao equipo que empatou ante o Sevilla, formando con Iván Villar; Kevin, Mingueza, Aidoo, Domínguez, Javi Galán; Fran Beltrán, Gabri Veiga, Carles Pérez; Iago Aspas e Gonçalo Paciência.

Comentarios