O empate do Celta volve evidenciar as eivas do equipo

Coudet defende "a personalidade" celeste e cre "inxusto" o resultado de empate que colleitou diante do Xetafe en Balaídos esta segunda feira.
Remate de Paciência ollado por Aspas, esta segunda feira (Foto: RC Celta).
photo_camera Remate de Paciência ollado por Aspas, esta segunda feira (Foto: RC Celta).

O mal xogo do Celta nestes últimos partidos, sumado ao seu empate esta segunda feira diante do Xetafe en Balaídos (1-1), comeza a preocupar á afección. O equipo madrileño puxo en evidencia durante o encontro as eivas do equipo de Eduardo Coudet, demasiado dependente dun Iago Aspas que exerce varias funcións a un tempo tentando superar a evidente falta de persoal dun cadro de xogadores sen rematar.

Joseph Aidoo, a pase do de Moaña, foi quen de furar no último minuto a portaría visitante para maquillar o resultado final.

O propio Aspas recoñecía diante das cámaras ao remate do encontro co Xetafe ese traballo a maiores que realiza. “Se eu, que son o dianteiro, teño que vir atrás... Ou son a nai ou o pai, non podo chegar á área. Se dou o pase como lle dei a Javi (Galán) dous ou tres veces para que poña a última, non chego á área”, sinalaba. 

O de Moaña admitía que o Celta é “un equipo máis físico, que corre máis, aperta máis” e se non gaña “non hai confianza e trémenche as pernas, sobre todo aos mozos máis novos”. Recuperando anteriores partidos que remataron con derrota sentenciaba que no Celta “temos que aprender e darlle a volta” aos resultados negativos. 

O futuro de Eduardo Coudet no Celta

Estas semanas foron intensas para algúns adestradores de equipos galegos. Se no Dépor caía a mediados de mes Borja Jiménez, substituído por Óscar Cano, esta última xornada tamén se puxo en cuestión o traballo de Hernán Pérez no CD Lugo.

No Celta comezan xa algunhas voces a falar dunha posíbel saída do ‘Chacho’ Coudet. O certo é que ao técnico celeste non lle falta moito para rematar o seu contrato. Finaliza  a finais desta mesma tempada, en xuño de 2024, polo que o Club terá as mans libres para escoller outro candidato de cara o ano do centenario. 

Nesta situación, as declaracións ao remate dos últimos partidos por parte de Coudet non axudan. Despois do encontro co Xetafe volvía a asegurar que “o resultado foi unha inxustiza” e defendía que no seu equipo “tivemos personalidade para xogar, para sobrepoñernos”.

No seguinte  partido contra o Almería (sábado, 14 horas), terá outra oportunidade de volver ao rego e non complicarse perto da zona de descenso.

Comentarios