O Celta agarda mellorar a súa imaxe en Valladolid

O equipo celeste viaxa até Valladolid esta cuarta feira coa intención de rachar coa liña de derrotas dos últimos partidos. Diante terá un rival directo que procurará fuxir da zona de descenso. 
Forte disparo de Gabri Veiga en Balaídos (Foto: RCCelta).
photo_camera Forte disparo de Gabri Veiga en Balaídos (Foto: RCCelta).

O Mundial de fútbol comeza a notarse na liga. Esta cuarta feira o Celta volve de novo aos partidos entre semana coa súa visita ao Novo Zorrilla de Valladolid (19 horas) nun encontro que pode marcar a recuperación, tras os últimos malos resultados, ou comezar a preocupar sobre o futuro celeste. Para este partido, e para os seguintes durante un mes e medio, Coudet non poderá contar con Solari que estará de baixa por lesión.

Diante terán un Valladolid que con dous puntos menos na clasificación está agora ás portas da zona de descenso. Os de José Rojo Martín só gañaron dous partidos, un deles na casa, e contan con seis goles a favor e catorce en contra desde que se iniciou a competición. 

A dúbida de última hora para Coudet está en poder contar ou non hoxe co portugués Gonçalo Paciência.

O Celta presentou alegacións ao cartón vermello que lle mostrou o árbitro Cuadra Fernández no último partido en Balaídos no que os celestes perderon diante da Real Sociedade.

Os servizos xurídicos do club entenderon que non había motivos para a amonestación e o comité da RFEF deberán resolver antes do partido en Valladolid.

A Liga inicia o período máis intenso

A competición acelerará o seu ritmo unha vez rematado o partido desta semana. En cinco días os celestes terán que medirse ao Xetafe en Balaídos (24 de outubro, 21 horas), outro dos potenciais perseguidores do Celta na segunda metade da clasificación.

Daquela terá catro partidos por diante antes da parada obrigada na Liga pola realización do Mundial de Fútbol. Viaxará até Almería (29 de outubro, 14 horas), recibirá ao Osasuna en Vigo (5 de novembro, 18.30 horas) e xogará en Madrid contra o Raio (10 de novembro, 19 horas).

Comentarios