Fútbol

O Celta presenta Marco Garcés, novo director deportivo: "Quero empaparme ben e entender todo o que significa o club"

Estivo acompañado pola presidenta Marián Mouriño.
Garcés, con Mouriño no fondo. (Foto: RC Celta).
photo_camera Garcés, con Mouriño no fondo. (Foto: RC Celta).

A sede do Real Club Celta de Vigo acolleu na tarde desta quinta feira a presentación oficial do novo director deportivo do conxunto celeste, Marco Garcés, nun acto que estivo conducido pola flamante presidenta da entidade, Marián Mouriño.

Esta recoñeceu que levaba moito tempo "seguindo a súa traxectoria", explicando que a tarefa de Garcés será liderar "un proxecto de fútbol integral, desde a canteira até o primeiro equipo".

A maiores, a mandataria salientou "tres cualidades moi importantes" do xa director deportivo do Celta: "A competitividade, o traballo en equipo e a súa capacidade como negociador".

Inmediatamente despois tomou a palabra o mexicano, ex director de Operacións de Fútbol nos Ánxeles da Major League Soccer estadounidense.

É un home que, non obstante, pasou até o de agora por debaixo do radar dun Rafa Benítez que a pasada terza feira recoñecía "non coñecer" a persoa coa que traballará en todo o relativo ás fichaxes de agora en diante.

"Desexo empaparme e entender cada vez máis e mellor todo o que significa o Real Club Celta de Vigo", manifestou Garcés, razón pola cal, confesou, comezou a "ler a Cunqueiro, Lucía Taboada e Alfonso Armada", pois para el é necesario "saber que é o Celta para despois poder interpretalo dunha mellor forma e levalo ao terreo de xogo". 

Comentarios