O dilema de Gabri opaca un Celta pre Centenario

A Liga regresa hoxe, e faino cun choque entre o cuarto clasificado do pasado campionato, a Real Sociedade de Brais Méndez e compañía, e un Real Club Celta totalmente condicionado pola saída ou non de Gabri Veiga rumbo ao Calcio italiano. Xa na Segunda División, o Rácing de Ferrol tratará de amargarlle a Cazorla a súa volta.
O home máis perseguido do mercado, Gabri Veiga (á dereita), continúa acaparando os focos da actualidade celeste. (Foto: Europa Press).
photo_camera O home máis perseguido do mercado, Gabri Veiga (á dereita), continúa acaparando os focos da actualidade celeste. (Foto: Europa Press).

O Real Club Celta de Vigo disputa ás 17 horas de hoxe no estadio de Anoeta contra a Real Sociedade o seu último partido con 99 anos de vida. No próximo, previsto o 25 de agosto, xa terá os 100, pois a efeméride do Centenario será dous días antes.

Curiosamente, este feito de transcendencia xeracional está voando por debaixo do radar da parroquia celeste, máis preocupada en algo tan habitual no mundo do fútbol como é unha posíbel venda, por importante que sexa esta, como é o caso. 

Porque desde Italia distintos medios de comunicación transalpinos dan por feito que a gran perla do Celta, Gabri Veiga, xa é novo xogador do actual campión do Calcio, o Nápoles, a falta de fechar os detalles finais da operación, o que en castelán se adoitan denominar os flecos.

De confirmarse esa saída, o buraco provocado por Gabri Veiga deixaría a entidade olívica non só sen o seu maior activo no medio do campo, senón tamén sen o principal socio de Iago Aspas na construción ofensiva, como demostrou anotando 25% dos goles do equipo a pasada campaña. 

A cambio, entrarían entre 35 e 40 millóns de euros nas arcas para tratar de solucionar non só a baixa do porriñés, senón os problemas que evidenciou o Celta non só na derrota ante Osasuna na primeira xornada, pois está arrastrándoos desde a tempada pasada, e que esixen fichaxes en todas as liñas.

Con todo, a realidade é que Gabri Veiga adestrou onte con normalidade é que o seu técnico -polo menos até o día de hoxe-, Rafa Benítez, conta con el, como demostrou incluíndoo na convocatoria: "Mentres sexa xogador noso será un máis, aínda que non ocultamos que hai movementos".

O madrileño pronunciou estas palabras na rolda de prensa previa a un partido no que podería contar con Agustín Marchesín, que volve seis meses despois da súa lesión no tendón de Aquiles a unha listaxe da que caen Carles Pérez e Gonçalo Paciência, ambos mancados.

Tendo iso en conta, Benítez podería tratar de dar a sorpresa nun dos campos máis complicados da categoría -e ante outro produto da factoría celeste que destaca lonxe de Vigo, Brais Méndez- con Iván Villar na portería,  Mingueza, Aidoo, Carl Starfelt e Manu Sánchez na defensa; Fran Beltran, Renato Tapia, Jonathan Bamba e Miguel Rodríguez no centro do campo, máis Aspas e Larsen arriba.

O Rácing, a cortar en seco a 'Cazorlamanía' de Oviedo

Na Segunda División, o Rácing de Ferrol, logo do seu sorprendente triunfo na xornada inaugural no fogar do Elxe, quere continuar abrindo bocas en Asturias ante o Real Oviedo (mañá, 17 horas).

A escuadra asturiana está absolutamente revolucionada desde que Santi Cazorla, dúas veces campión de Europa e un dos centrocampistas máis talentosos dos últimos 15 anos, deixase a un lado o lucrativo contrato que tiña no Al-Sadd qatarí para regresar ao equipo da súa terra e no que deu os seus primeiros pasos como futbolista.

Por iso, lonxe de ficar como un convidado de pedra á desatada Cazorlamanía, o Rácing de Ferrol, quere continuar repartindo xerras de auga fría no que será o seu segundo choque consecutivo como visitante nun Carlos Tartiere no que só gañou unha vez (1-2) e hai case 21 anos, en setembro de 2002.

Amigábeis para os catro galegos da Primeira RFEF

Todos os representantes da Galiza na terceira categoría, a Primeira RFEF, participarán en partidos amigábeis esta fin de semana.

Así, dous deles, Dépor e Arenteiro, enfróntanse entre eles ás 19.30 horas da tarde no Carballiño. Media hora máis tarde, ás 20, o Lugo colisiona co Avilés no Principado, mentres que o Celta Fortuna xogará contra o Fabril ás 19 en Burgáns (Cambados).

Comentarios