O Celta, obrigado a fichar para espantar vellas pantasmas logo dunha decepcionante estrea

A mala imaxe ofrecida na derrota ante Osasuna en Balaídos (0-2) reactiva dúbidas en Vigo.
Marián Mouriño, Rafa Benítez, Carlos Mouriño e Luís Campos, durante a súa presentación como técnico celeste o pasado verán. (Foto: RC Celta)
photo_camera Marián Mouriño, Rafa Benítez, Carlos Mouriño e Luís Campos, esta mañá, na sede do Celta. (Foto: RC Celta)

A Liga de Fútbol Profesional, que abrangue as categorías de Primeira e Segunda División, escribiu os seus primeiros capítulos da tempada 2023/24 cunha primeira xornada que trouxo consigo resultados dispares para os dous equipos do país.

No caso do Celta, a Oliveira dos Cen Anos deu síntomas de padecer antracnose ou xylella fastidiosa na súa estrea ante o Club Atlético Osasuna, caendo ante o seu público en Balaídos por dous tantos a cero.

Este é o sétimo ano consecutivo no que o conxunto celeste comeza con derrota o campionato, dato que alén da anécdota reflicte que pese a ilusión xerada polo Centenario e a fichaxe de Rafa Benítez para encargarse da dirección técnica, continúa manifestando as mesmas doenzas que o levaron a pelexar pola salvación até o último momento na pasada campaña.

O madrileño sorprendeu no seu once inicial co que na barra de bar se coñece como "ataque de adestrador", desprazando ao banco dos suplentes a Manu Sánchez, teórico propietario do carril esquerdo da defensa, para reconverter ao arxentino Franco Cervi, un centrocampista de carácter ofensivo, a unha posición na que xa dera sobradas mostras na 22/23  de que non está cómodo.

Como non podía ser doutro modo, o experimento fracasou, e Osasuna, a día de hoxe máis forte que o Celta en todas as liñas, sacou petróleo tanto desa debilidade defensiva que xa pasou factura a pasada compaña como doutro vello problema, a ausencia de gol, onde un Aspas lento e un Larsen negado de cara á portería contraria non foron quen de neutralizar os tantos materializados por Rubén García ('24) e Moi Gómez ('74).

Ante esta situación a única solución posíbel é incorporar reforzos en todas as liñas, algo para o que, paradoxalmente, é imprescindíbel que se concrete a saída dun dos principais activos dos que dispón Rafa Benítez, Gabri Veiga, quen podería dicir adeus con destino ao Nápoles do Calcio italiano xa no día de hoxe.


A directiva celeste asina un convenio coa Liga

En plena reflexión logo da derrota inicial coa escuadra navarra, a directiva celeste confirmou na xornada de onte que asinará un convenio que regule as condicións das bancadas visitantes, e do que xa formaban parte 15 dos equipos que integran a máxima categoría estatal.

Impulsado pola Liga de Fútbol Profesional (LFP), o acordo pretende estabelecer un "principio de reciprocidade" na distribución dos boletos entre os distintos equipos, que se comprometen a ofrecer un mínimo de 300 localidades aos seareiros e seareiras visitantes a un prezo único de 30 euros.

Comentarios