A desigualdade entre homes e mulleres vive tamén no deporte

O Clúster lanza un estudo que evidencia que queda moito por facer 
A da futbolista galega Vero Boquete (á esquerda, xunto con Virginia Torrecilla) é unha das voces máis reivindicativas no mundiño. (Foto: Europa Press).
photo_camera A da futbolista galega Vero Boquete (á esquerda, xunto con Virginia Torrecilla) é unha das voces máis reivindicativas no mundiño. (Foto: Europa Press).

Fica atrás o 8-M, pero non as inxustizas e as desigualdades que sufren as mulleres en todos os eidos da vida. E, por suposto, tamén no deportivo. Para botar luz sobre elas, o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar vén de publicar un informe sobre igualdade de xénero que evidencia que, como se reivindicou nas marchas feministas que inzaron o país hai tan só catro días, aínda queda moito por facer.

O proxecto do Clúster consistiu na realización "dun  estudo de detección das situacións de desigualdade de xénero e medidas de igualdade efectiva no deporte feminino de competición e profesional", para o cal levaron a cabo unha análise sociolóxica de corte cualitativo, baseándose na realización dun conxunto de entrevistas individuais semi estruturadas, así como na realización de grupos triangulares.

As persoas coas que conversaron foron mulleres deportistas profesionais, representantes do ámbito da xestión deportiva, profesionais do xornalismo deportivo e persoas expertas (categoría que definiron como "mulleres cunha ampla bagaxe no deporte feminino profesional), obtendo como principal conclusión que a desigualdade "é un elemento que transcende o ámbito do deporte". 

"O deporte reflicte unha estrutura social que privilexia os homes sobre as mulleres a través dun sistema de valores culturais e de roles asociados ao xénero", explica o estudo do Clúster, engadindo que iso queda demostrado na "falta de apoio" que reciben parte das deportistas no seo das súas familias, chegando a opoñerse frontalmente á realización da súa actividade, ou na carga sobre o proceso de toma de decisións que supón "a chamada biolóxica", é dicir, a escolla entre ser nai estando en activo e, por tanto, deixar a un lado a carreira, sabendo que poderían non contar cos apoios e axudas necesarias para retomala tras dar a luz.

Ademais, o informe lembra que medios de comunicación e patrocinadores, elementos "fundamentais para a visibilidade, o recoñecemento e a continuidade da actividade deportiva", ofrecen moita menos atención ao deporte feminino, xa que o masculino "vende máis". 

As mulleres, excluídas do poder

Unha das principais conclusións do informe desenvolto polo Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar é que a diferenciación de valores culturais e roles asociados ao xénero vai asociada a discriminacións das mulleres, como o menor acceso ao poder e a postos de toma de decisións.

"No sistema deportivo español, os ámbitos de decisión atópanse eminentemente masculinizados, cun sistema predominantemente patriarcal, polo que o reparto do poder non é equitativo entre homes e mulleres", apostila.

Esta afirmación vén apoiada con datos, pois apenas hai mulleres en posicións de poder nas federacións deportivas. Así, sobre o total galego, tan só 5% das presidencias están ocupadas por mulleres, un dato que é incluso menor á media estatal, que aumenta até 7%.

Con respecto ás presidencias dos clubs, as mulleres tamén están infrarepresentadas, pois na Galiza non alcanzan nin unha quinta parte do cómputo total, unicamente 17%. Iso si, nesta ocasión o país está por diante da media estatal, que fica nun pírrico 12%. 

Comentarios