Fútbol

O día de Todos os Santos máis futboleiro: descobre aquí todo sobre o maratón copeiro

Moi desequilibradas, lixeiramente decantadas cara un dos dous lados, igualadísimas... as distintas eliminatorias copeiras que as escuadras da Galiza afrontan esta cuarta feira ofrecen unha xornada de fútbol en estado puro no que até sete formacións diferentes buscarán avanzar á segunda fase da competición.
O maratón de partidos no día de hoxe comeza co Compostela-Tenerife das 12 e remata co Marbella-Rácing de Ferrol ás 20 horas.
photo_camera O maratón de partidos no día de hoxe comeza co Compostela-Tenerife das 12 e remata co Marbella-Rácing de Ferrol ás 20 horas.

O 1 de novembro, Día de Todos os Santos, milleiros de persoas de todo o país achegaranse aos cemiterios para recordar eses seres queridos que xa deixaron este mundo cun ollo, cousas dos tempos modernos, posto no fútbol.

Con recollemento e contrición, os e as sobreviventes do Súper Dépor (1992-2004), o Euro Celta (1998-2004), o Compos de Primeira (1994-98) ou o Lugo de Segunda (2012-23) pregarán porque Giambattista Vico estivese no certo coa súa Teoría do Retorno Cíclico da Historia e a Providencia interceda para que os equipos dos seus amores rexurdan das súas cinzas e reverdezan vellos loureiros nunha nova edición da Copa do Rei que arranca hoxe para a meirande parte das escuadras galegas.

Compostela-Tenerife

O primeiro en debutar na competición do KO será unha SD Compostela que recibirá ás 12 horas no Vero Boquete o sexto clasificado da Segunda División, o Club Deportivo Tenerife, baixo a atenta mirada das cámaras da Televisión da Galiza (TVG). Cun único precedente no torneo do KO favorábel aos intereses do conxunto capitalino -que eliminou o insular a dobre partido en xaneiro de 2000 grazas a un estelar Peter Hoekstra-, o feito de que o Compos conte os seus encontros por vitorias desde a incorporación ao banco de Michel Alonso fai soñar coa que sería unha das grandes sorpresas da primeira rolda copeira.

Turégano-Celta

Pola tarde, xa ás 15.30, será a quenda do Celta, que viaxará até Castela para colisionar co modestísimo Turégano. O choque está programado a esa hora non no Estadio do Burgo, onde se desenvolve habitualmente como local, senón no veciño da Albuera, para que a formación segoviana, que milita na Preferente, non teña que afrontar os custos da instalación dunha iluminación artificial da que non dispón e poida acoller un maior volume de seareiros e seareiras que están a morte co seu club ante o compromiso máis importante da súa historia.

No caso celeste, suporá a oportunidade de lograr o seu primeiro triunfo -ao que está absolutamente obrigado- en dous meses, dándolle a quenda a Benítez de probar variantes tácticas e xogadores no que non debería pasar dun adestramento glorificado, mais sabendo que de perder, un escenario remotamente improbábel pero factíbel, a presión da olla exprés celeste aumentaría dramaticamente.

Atlético Antoniano-Lugo

Pedro Munitis, técnico do Club Deportivo Lugo, quixo poñer a venda antes da ferida e manifestou na rolda de prensa previa á eliminatoria a súa preocupación polo feito de que o duelo co humilde Atlético Antoniano (16 horas) vaia ser sobre céspede artificial.

Avilés Industrial-Arenteiro

Como se do vello Pro Evolution Soccer se tratase, o Arenteiro chega coa frecha vermella ben arriba logo de atropelar (4-0) o Unionistas o pasado sábado, o que abre de par en par a porta da confianza en que sexa quen de superar unha entidade que milita na súa mesma categoría a pesar de xogar fóra da casa (16.30 horas).

Covadonga-Deportivo

Tamén aspira a aproveitar a inercia positiva o renacido Dépor, que de vencer o Covadonga en Asturias (17 horas) asinaría o seu terceiro triunfo consecutivo por vez primeira desde xaneiro. 

Boiro-Mallorca

Para os do Barbanza xa é un premio estar na Copa. Mais, que sería eliminar todo un Primeira como é o Mallorca? O soño comeza ás 18.30 horas.

Marbella-Rácing de Ferrol

A pesar de ter só un central dispoñíbel, o Rácing de Ferrol é favorito para avanzar á segunda rolda ante o Marbella (20 horas). 

Comentarios