Fútbol

Desigual sorte no sorteo de Copa: estes serán os rivais dos oito equipos galegos

O Boiro xogará ante o Mallorca na Copa e o Granada, tamén de Primeira División, visitará Vilagarcía de Arousa.
Xogadores e afección do Boiro, agardando polo nome do seu rival copeiro no Centro Social da localidade barbanzana. (Foto: CD Boiro).
photo_camera Xogadores e afección do Boiro, agardando polo nome do seu rival copeiro no Centro Social da localidade barbanzana. (Foto: CD Boiro).

A historia de David contra Goliat reeditarase dentro de aproximadamente dúas semanas —aínda está por determinar se será o 31 de outubro, o 1 ou o 2 de novembro— cando o Club Deportivo Boiro, que milita na Preferente Galiza, reciba no Campo Municipal de Barraña o Mallorca de Primeira División para disputar a rolda inicial da Copa do Rei de fútbol.

O sorteo, que se desenvolveu en Madrid e no que 110 equipos entraron no bombo, foi seguido con expectación polos integrantes do conxunto boirense no Centro Social da localidade barbanzana, que prorrompeu en vítores e berros de "a por eles, oé!" e "pódese!" cando a bola mostrou o nome da escuadra balear, campioa en 2003. 

Non obstante, e sabendo que ningún dos tres grandes do fútbol estatal —Real Madrid, Fútbol Club Barcelona e Atlético de Madrid— podería ser o seu rival por atoparse exentos das dúas primeiras roldas da competición xunto co Osasuna a causa da Supercopa de España, outros nomes como Betis, Real Sociedade.

Athletic de Bilbao ou Sevilla tiñan algo máis de atractivo entre a afección, pero o seu presidente, Marcos Martínez, manifestou a súa satisfacción, apostilando que buscarán "dar a badalada" fronte un Real Club Deportivo Mallorca que está inmerso na súa terceira campaña consecutiva na elite, todas elas baixo a dirección do mexicano Javier Aguirre, ficando a anterior tempada a un paso de entrar na Conference League.

Arlequinados contra 'Filipinos' na Lomba

O outro galego do fútbol modesto que terá a fortuna de recibir un membro da máxima categoría no seu terreo de xogo e o Arousa Sociedade Cultural de Vilagarcía, que actualmente ocupa a posición décimo terceira na clasificación da Terceira Federación. Os futbolistas arlequinados terán que ofrecer a súa mellor versión se queren ter oportunidades de avanzar á segunda rolda ante todo un Primeira, os Filipinos do Granada Club de Fútbol.  

A última participación do Arousa na Copa do Rei foi en 1993, cando logrou alcanzar a terceira fase após eliminar Cambados e Pontevedra, caendo logo pola mínima ante o Vilarreal. 

Desigual sorte para o resto dos galegos

O resto de escuadras da Galiza que participaron no sorteo foron Celta de Vigo, Rácing de Ferrol, Deportivo da Coruña, Arenteiro, Lugo e Compostela. A entidade celeste debutará contra o modestísimo Turégano de Segovia, un bloque dunha localidade de menos de 1.000 habitantes que milita na Rexional Preferente. 

Máis nome ten o contrincante dos Diaños Verdes, o Marbella, actual líder do Grupo '4' da Segunda Federación e un habitual na Segunda B e mesmo na categoría de prata durante os últimos 30 anos.

Con respecto ao Dépor, os branquiazuis deberán xogar contra outro club da cuarta categoría, no seu caso o Covadonga Asturiano, que a día de hoxe fica en postos de descenso con só tres puntos en sete partidos.

Tamén do veciño Principado é o rival do Arenteiro, o Avilés Industrial, un histórico que esta tempada celebra o seu 120 aniversario pelexando por reverdecer vellos loureiros na Segunda Federación.

Por último, o Lugo  é claro favorito contra o humilde Antoniano de Lebrija (Sevilla), xusto o contrario que o Compos ante o Tenerife.

Comentarios