Fútbol sala

Derbi Lugo-Burela na terceira rolda da Copa

O Parrulo, pola súa parte, visitará a pista do Salesianos Tenerife.
A escuadra ferrolá busca a primeira vitoria a domicilio da tempada. (Foto: O Parrulo).
photo_camera A escuadra ferrolá busca a primeira vitoria a domicilio da tempada. (Foto: O Parrulo).

A Copa do Rei de fútbol sala continúa avanzando, e esta terza feira disputará unha rolda de dezaseisavos de final na que participarán tres conxuntos galegos: Pescados Rubén Burela, Club Deportivo Lugo Sala e O Parrulo Ferrol.

Esta é a última fase antes de que se incorporen ao bombo os nomes dos equipos da máxima categoría -entre eles o Noia Portus Apostoli, único representante da Galiza na elite masculina-, e na mesma enfrontaranse os equipos supervivintes da Terceira División e a Segunda B cos da categoría de prata.

A sorte quixo que o único modesto do país que superase a criba fose un Lugo Sala que superou nos trintaedousavos o Pazos de Borbén por un contundente 8-2 e que colisionará nun derbi contro o Burela.

Deste modo, o Pavillón Municipal da Cidade da Muralla acollerá un choque programado ás 21.30 horas desta terza e no que os Álvaro, Iago Rodríguez, Luís Longo, Miguel, Brunito e compañía, sempre baixo a dirección de Guillermo Martínez, tratarán de dar a sorpresa ante un combinado laranxa que non acaba de atopar a súa mellor versión e que confía nunha balsámica vitoria copeira para recuperar as sensación positivas.

Esta pasada fin de semana, o Burela perdeu (4-3) ante Melistar Futsal, apañando así a súa terceira derrota nas catro primeiras xornadas de campionato, o que deixa un equipo que a pasada campaña ficou a un chanzo de ascender na posición decimo cuarta da táboa, con só dous puntos máis que os tres últimos clasificados. 

Aventura canaria para o terceiro galego en liza

O terceiro galego que entrará en acción será O Parrulo Ferrol, que ás 21.30 (hora galega) saltará ao parqué do Pavillón Quiquirá da Orotava, na illa canaria de Tenerife, para xogar contra o Salesianos, que retransmitirá o encontro a través da súa paxina oficial de Facebook.

O preparador ferrolán, José María Filgueira García, Gallego, manifestou que para el a Copa do Rei é "unha competición moi bonita se vas pasando eliminatorias". Ademais, considera que o partido servirá para que os seus homes teñan a oportunidade "de trasladar fora da casa" a boa liña que están levando a cabo en Ferrol, pois até o de agora venceron os seus dous partidos na casa, pero perderon os que xogaron a domicilio.

Comentarios