Fútbol sala

Ascender, meta común de Parrulo e Burela

Os dous galegos optan á única praza para xogar na elite do fútbol sala
A escuadra ferrolá busca a primeira vitoria a domicilio da tempada. (Foto: O Parrulo).
photo_camera Nas botas de Adrián Martínez, 'Adri', que marcou 25 tantos na fase regular, descansan boa parte das esperanzas de ascenso do Parrulo. (Foto: LNFS)

Os galegos Pescados Rubén Burela e O Parrulo Ferrol, xunto co Alzira valenciano e Sala 10 de Zaragoza, pelexarán esta fin de semana por unha única praza de ascenso á Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS), a máxima categoría da modalidade a nivel estatal.

Concluída a fase regular da Segunda División masculina, na que un imperial Peñíscola que só cedeu dous empates e unha derrota en todo o campionato adxudicouse con todo merecemento un liderado que outorgaba un boleto directo á LNFS sen pasar polo play-off, chega a quenda dos seus inmediatos perseguidores.

Entre eles están dous equipos galegos, Burela e O Parrulo, que remataron a Liga en segunda e terceira posición, respectivamente. Grazas a iso terán a vantaxe de campo nas semifinais da promoción, é dicir, xogarán o partido de ida ante as súas afeccións.

A escuadra da Mariña, instalada durante toda a tempada entre os primeiros da táboa, quere recuperar o seu lugar en Primeira un ano despois de perdelo, e para iso terá que superar outro conxunto que baixou en 2022, Sala 10 Zaragoza. A pesar do non coñecer a derrota nos seus últimos nove compromisos, e ao seu bo desempeño lonxe do Centro Deportivo Municipal Século XXI da capital maña, a formación galega chega como favorita a un choque que se disputará ás 21 horas deste sábado co aval da súa vitoria por 5-2 no seu último enfrontamento e co seu goleador, David Pazos -autor de 35 tantos-, en plena forma.

O Parrulo, pola súa parte, vén de levar a cabo un espectacular final de curso no que logrou escalar a última hora até o terceiro posto, arrebatándolle o factor cancha ao seu rival no play-off, Alzira FS, cuarto clasificado.

Deste modo, ás 17.45 horas deste sábado botará a rodar o balón nun duelo galego-valenciano que terá lugar na Malata, onde O Parrulo só perdeu dous partidos en toda a tempada.

Completamente recuperados do mal momento que atravesaron despois do Nadal, e baixo o liderado de Adri, se os de Juanma Marrube superan unha eliminatoria que ten programados os encontros de volta  o sábado 27 de maio e o Burela fai o propio, ambos protagonizarán unha final fratricida entre galegos xa no mes de xuño.  

Noia fecha a Liga en Santa Coloma

De conseguir o obxectivo do ascenso, ou ben O Parrulo ou ben Pescados Rubén Burela ampliarían a dous a representación da Galiza na Liga Nacional de Fútbol Sala, pois na campaña 2022/23 só estivo presente o Noia Portus Apostoli.

O conxunto dirixido por Marlon Velasco tivo unha estrea na elite -logo do seu ascenso o pasado verán- que superou todas as expectativas, xa que contra todo prognóstico fixo historia clasificándose para participar no play-off polo título ligueiro e, a maiores, conquistou no serán do pasado Día das Letras Galegas a Copa Galiza ante o seu público.

Por iso, encara con toda a tranquilidade do mundo o compromiso da trixésima e última xornada da fase regular, que o levará a visitar o fogar do décimo clasificado, o Industrias Santa Coloma de Gramanet, ás  18.30 horas de hoxe. 

Unha vez que remate o seu choque cos cataláns, terán por diante un pequeno descanso para coller forzas de cara a unha fase final que, a falta de confirmación oficial, comezaría o 24 de maio e estenderíanse até o 28 de xuño.

Comentarios