Derbi Burela-Ourense na Copa da Raíña

O Marín, pola súa parte, abrirá o torneo do KO contra STV Roldán
A internacional Irene Córdoba, man inocente, sostén a papeleta do Burela, confirmando así o duelo fratricida nos cuartos copeiros. (Foto: RFEF).
photo_camera A internacional Irene Córdoba, man inocente, sostén a papeleta do Burela, confirmando así o duelo fratricida nos cuartos copeiros. (Foto: RFEF).

Soñar é de balde, así que, por que non soñar cunha final netamente galega na Copa da Raíña de fútbol sala, torneo que, ademais, se levará a cabo no ourensán Pazo dos Deportes Paco Paz? 

O fútbol sala feminino galego promete continuar exhibindo o seu elevado nivel na inminente Copa da Raíña, da que se levou a cabo o sorteo na xornada desta terza feira no salón de actos Luís Aragonés da Cidade do Fútbol de Las Rozas (Madrid).

Programado na Cidade das Burgas entre os próximos días 6 e 8 de maio -12 anos despois de acoller a edición de 2010-, o torneo do KO xa ofrece un percorrido para os tres representantes da Galiza: Pescados Rubén Burela -campión en 2019, 2020 e 2021-, o local Ourense Envialia -gañador en 2017- e Marín Futsal.

O teórico favoritismo recae na formación da Mariña

A sorte, que chegou da man inocente das irmás internacionais Laura e Irene Córdoba, abriu a posibilidade de que no Paco Paz se repita a final de 2020, na que se enfrontaron dous equipos galegos -Burela e Poio Pescamar-, pois Marín Futsal quedou encadrado nun lado do cadro diferente a Envialia e Pescados Rubén, que protagonizarán un duelo fratricida nos cuartos de final

O teórico favoritismo recae na formación da Mariña, vixente campioa, mais nos seus tres últimos enfrontamentos as das Burgas lograron imporse na Copa Galiza por 3-1 na ida e 3-3 na volta, provocando o relevo do técnico laranxa, e máis tarde, o pasado 20 de abril, rañar un empate no marco da competición ligueira (1-1), o que engadido á súa condición de local aumenta sobremaneira as posibilidades de que o Ourense Envialia consiga dar a sorpresa ante o "mellor equipo do mundo", segundo os Futsalplanet Awards. 

O gañador enfrontarase nas semifinais contra o vencedor da eliminatoria entre Melilla e Alcorcón. De conseguir un posto na final, abriríase de novo a posibilidade dun duelo galego, para o cal o Marín -noveno clasificado en Liga- terá que imporse ao STV Roldán, quinto. Xa nas semifinais, o derradeiro obstáculo sairá da eliminatoria que protagonizarán dous bos conxuntos como Zaragoza e Atlético Navalcarnero, con previsíbel vitoria deste último, sólido líder da Primeira División.

Comentarios