O Deportivo empata con épica na última xogada e aférrase á Liga BBVA

Nun minuto pasou de non depender de si mesmo a ter nas súas botas a salvación. Un punto que sabe a vitoria e deixa un triplo empate a 31 puntos polo descenso.

Foto: @RCDeportivo
photo_camera Foto: @RCDeportivo

Loitou o Deportivo até o final e esta vez si tivo premio. O equipo de Víctor Sánchez empatou na última xogada do encontro en Bilbao ante o Athletic. O equipo coruñés miraba de preto o abismo da Segunda División cando Lopo cabeceou un centro de Cavaleiro no minuto 93, co Dépor á desesperada, e tombou Riazor.

O club branquiazul suma 31 puntos e está fóra do descenso, na 16ª posición, pero empatado a puntos con Eibar e Granada, a falta de dúas xornadas, dúas finais, para o remate de temporada. Un punto que sabe a vitoria.

Empezou mellor o Athletic, que dispuxo de boas oportunidades nos primeiros compases do encontro. Fabricio desbaratou un remate de Mikel Rico que culminaba unha boa acción colectiva dos vascos. Só uns minutos despois, un centro posto por Beñat e cabeceado por Laporte foi rematado ao fondo da porta coruñesa por Aduriz no minuto 13.

O club branquiazul suma 31 puntos e está fóra do descenso, na 16ª posición, pero empatado a puntos con Eibar e Granada, a falta de dúas finais para o remate de temporada. 

A cousa complicábase cedo para o Dépor, que tardou en entrar no partido. Dispuxo da mellor oportunidade no minuto 30, nunha gran xogada individual de Luisinho, que finalizou sen acerto. O disparo do portugués foise fóra por moi pouco. 

A polémica produciuse no minuto 41. Bergantiños marcou só na área pequena unha falta de estratexia peiteada por Borges. O árbitro Gil Manzano anulou o tanto por unha falta que non existiu.  

O Deportivo mordeu á volta do descanso pero o equipo bilbaíno controlou os seguintes minutos. Non foi até o minuto 67 que Oriol Riera dispuxo dunha boa ocasión a centro de Lucas Pérez. O remate do punta catalán foise arriba. 

Aduriz avisou tres minutos despois cun balón ao longueiro após ser desviado por Fabricio. Unha perda de Bergatiños puido saír cara aos coruñeses. 

O Dépor buscouno e conseguiuno

Tivo o empate o conxunto de Víctor Sánchez nun saque de esquina no minuto 81. Bergantiños, omnipresente no encontro, tocou de tacón un balón que se paseou pola área bilbaína e Hélder Postiga non chegou a rematar.

Foi na última xogada, co equipo descomposto, cando Lopo apareceu para rematar un centro de Cavaleiro e poñer o empate.

O Deportivo ten dúas finais ante o Levante en casa e na última xornada ante o líder, o Barcelona, que podería converterse en campión na seguinte xornada. Se o equipo catalán non o fai, as opcións do conxunto coruñés complícanse. Con todo, o Dépor conseguiu pasar de non depender de si mesmo a ter nas súas botas a permanencia. 

Comentarios