O deporte adaptado busca visibilizarse

A Federación Galega de Deporte Adaptado promove, desde 2015, a práctica das diferentes disciplinas para persoas con algunha discapacidade. Eventos como os Xogos Paralímpicos axudan na súa difusión, mais a realidade é moito máis dura. Faltan clubs, técnicos e chegar á xente que os descoñece.  
O baloncesto en cadeira de rodas é un dos que máis practicantes ten na Galiza (FGDA).
photo_camera O baloncesto en cadeira de rodas é un dos que máis practicantes ten na Galiza (FGDA).

Chano Rodríguez e Juan Antonio Saavedra, por poñer uns exemplos, teñen en común algo máis que as súas medallas nuns Xogos Paralímpicos. Ambos os dous, xunto a máis de 500 deportistas, pertencen á Federación Galega de Deporte Adaptado. O día a día deste organismo vai máis alá da visibilidade que lles dá un evento internacional que ten lugar cada catro anos e procuran atender unha demanda que, na maior parte das ocasións, segue a ser moi descoñecida.

Na Galiza funcionaron durante moitos anos tres federacións que traballaban, por separado, a singularidade destes deportes. Había para persoas discapacitadas físicas, outra de discapacitadas intelectuais e, aínda que sen moito percorrido, a de persoas xordas. En 2015 desde a Secretaría Xeral para o Deporte decídese proceder coa súa fusión incorporando, daquela, a de deportistas con parálise e dano cerebral adquirido, que non existía.

"Desde ese mesmo ano traballamos coas catro discapacidades", conta a Nós Diario Susana García, secretaria deste organismo, "aínda que a nivel estatal seguen a ser catro, tampouco somos os únicos que tomamos esta decisión", engade.    

O papel das asociacións e os centros

"Cada discapacidade conta cos seus deportes”, explica García. Segundo os datos deste organismo a maior parte de licenzas proceden de deportistas con discapacidade intelectual e as disciplinas máis solicitadas son fútbol sala, fútbol 8, baloncesto, atletismo, campo a través, pádel, tenis de mesa e bádminton. 

No caso das federadas con discapacidade física hai unha gran maioría que son de baloncesto en cadeira de rodas. "É consecuencia de contar con dous equipos galegos, o Amfiv de Vigo, que está da División de Honor, e o Abeconsa Basketmi de Ferrol, que está en Primeira División", indica a secretaria da Federación. 

Tamén contan con algunhas de natación, atletismo, pádel en cadeira de rodas e tiro olímpico. As disciplinas que máis seguimento teñen en parálise e dano cerebral adquirido son bochas adaptadas, slalom, natación e atletismo. Desde o inicio da pandemia tiveron que suspenderse por ser as súas practicantes persoas de risco, unha situación que aínda non mudou na actualidade. Nos deportes para persoas xordas tamén hai poucas licenzas, con algunha excepción en atletismo.

"A razón de que haxa moitas máis licenzas nos deportes para persoas con discapacidade intelectual é por estar concentradas en centros de educación especial e asociacións", asegura García, "e os clubs adestran en horario escolar e de asociación, polo que nós facemos as competicións sempre entre semana, cando o resto non conta con moitas entidades e é moi difícil captalas", conclúe. 

Isto explicaría que sexan os únicos que conten con clubs deportivos cando nos outros casos dependan de entidades convencionais que dispoñen de seccións específica. "Para nós é unha gran dificultade cando realizamos as campañas de captación".

Captar deportistas e visibilizar estes deportes

O primeiro atranco que ten que superar a federación é o de localizar deportistas. Clubs como Amfiv e Basketmi fan xornadas de promoción en colexios e asociacións nas que realizan demostracións, unhas actividades que se suspenderon coa chegada da Covid-19.

 "Nalgunha ocasión tentamos localizar nenas e nenos con algunha discapacidade nos centros educativos da Galiza, mais foinos imposíbel ao non dispormos de ningún dato polas restricións legais de protección", aclara García. 

Os Xogos Paralímpicos de Toquio tiveron unha repercusión importante a nivel de visibilizar a práctica do deporte con algunha discapacidade. A propia secretaria da Federación admite que "os bos resultados que se deron para a Galiza tiveron a súa repercusión" e pon como exemplo que ao día seguinte de conseguir Saavedra a súa medalla de bronce "chamou unha persoa que estaba interesada tamén en facer tiro". 

Aínda así, hai zonas da Galiza que están "na sombra" destas prácticas deportivas e non contan con oferta. "Faltan clubs mais tamén faltan técnicos, adestradores para atender os deportistas", sentencia.

Comentarios