Adi Iglesias, prata en 400 metros

A Galiza supérase nos Paralímpicos

Dous ouros, unha prata, oito diplomas e aínda con posibilidades de sumar máis títulos a poucas horas de que rematen os Xogos certifican o bo momento no país para deportistas con algún tipo de diversidade funcional. Os Xogos Paralímpicos de Toquio 2020 demostraron que o esforzo e a valía teñen recompensa.
Adi Iglesias coa súa medalla de prata en 400 metros (CPE)
photo_camera Adi Iglesias coa súa medalla de prata en 400 metros (CPE)

O deporte paralímpico fálanos de exemplos de superación, de vontade de medrar e alcanzar os obxectivos malia as dificultades que hai no camiño. As e os deportistas con algunha discapacidade funcional non o tiveron fácil e, no caso galego, engádeselles a decisión de marchar fóra do país por motivos laborais ou para optar a unha mellor preparación.

Con todo, dezaseis deportistas da Galiza (catorce máis dous de apoio) viaxaron até Toquio desafiando toda unha pandemia mundial para participar nos Xogos Paralímpicos que rematarán mañá na capital nipoa.  

Os ouros de Susana Rodríguez e Adi Iglesias

As maiores satisfaccións para a Galiza no medalleiro viñeron do tríatlon e o atletismo. A médica e deportista viguesa Susana Rodríguez gañou o primeiro ouro galego dominando a proba de tríatlon e marcando un tempo final de 1:07:15. Despois, participou na final de 1.500 metros na clase T11 conseguindo diploma ao quedar en quinto lugar.  

O segundo ouro galego saíu da final de 100 metros lisos na categoría T13 e chegou da man de Adiaratou Iglesias, a atleta do club Lucus Caixa Rural, nunha espectacular carreira na que marcou un tempo de 11.96.

A pesar de ser a máis rápida no tempo de reacción, Iglesias non saíu do todo ben e tivo que ir de menos a máis para terminar remontando e gañando a carreira. E para rematar a súa excelente participación en Toquio conseguiu a prata na final dos 400 metros lisos na categoría T13. 

Máis atletismo

A proba de lonxitude T63 nestes Xogos Paralímpicos de Toquio foi outra na que salientou a participación galega co sexto posto conseguido pola gondomaresa Desirée Vila, que logrou un mellor salto de 4,02 metros polo que suma un diploma paralímpico. Esta pasada madrugada rematou sétima a 1ª serie semifinal dos 100 metros categoría T63 e non estará na final.

A proba raíña por historia é o maratón. O vilabés Gustavo Nieves do Celta de Atletismo será o representante galego nos que serán os seus quintos Xogos Paralímpicos. A súa intención este sábado (23.50 horas) é obter medalla tras conseguir dous diplomas en Sydney 2000 e Londres 2012, e ter que retirarse en Río, pola calor, cando lideraba a carreira. 

Da natación ao baloncesto

O máis veterano de toda a expedición galega foi o nadador vigués Sebastián 'Chano' Rodríguez que, con estes, disputou os seus sextos Xogos Paralímpicos após pasar por Sidney, Atenas, Pequín, Londres e Río. Aos 16 metais de toda a súa carreira (oito de ouro, catro de prata e outras tantas de bronce) sumará os dous diplomas conseguidos no Xapón nas probas de 200 e 50 metros ao finalizar oitavo nas dúas.

Tamén en natación, Jacobo Garrido foi quinto en 400 metros libres da clase S9 nestes seus primeiros Xogos levando diploma coa súa mellor marca da tempada, 4.17.41. 

En tenis en cadeira de rodas, a participación do vigués Martín de la Puente non conseguiu pasar dos oitavos de final no cadro individual e en cuartos no de dobres, mais volve con diplomas. Tampouco tivo sorte Alejandro Vidal no seu debut nuns Xogos Paralímpicos ao caer en primeiro lugar, en oitavos de final contra o exipcio Mohamed Elzayat e despois contra o mongol Bolor Erdene Ganbat. 

En piragüismo a Galiza quedou sen opcións após a actuación do rianxeiro Adrián Mosquera (Club Rías Baixas de Boiro) que rematou quinto a súa semifinal do VL3 200 e queda fóra da final A.  

Outra posibilidade de medalla é a de Juan Antonio Saavedra en rifle de aire tendido 10 metros R3. O pontevedrés quedou na sétima ronda da final a décimas do podio. Terá outra oportunidade en 50 metros libre tendido R6 (domingo, 2.30 horas). 

En deportes de equipo con participación galega, María Victoria Alonso (baloncesto feminino) volve con diploma olímpico despois de que a selección española quedara en oitava posición por primeira vez na historia. Por último, o baloncesto masculino, no que participan Agustín Alejos, Manuel Enrique Lorenzo e David Mouriz, loitará pola medalla de bronce (domingo, 3.00 horas) após perder as semifinais contra os Estados Unidos de América.

Comentarios