Chano Rodríguez despídese dos Xogos sumando un novo diploma

O nadador galego brilla nas remudas mixtas 4x50
O nadador galego Sebastián 'Chano' Rodríguez (Foto: Dxtadaptado).
photo_camera O nadador galego Sebastián 'Chano' Rodríguez (Foto: Dxtadaptado).

Sebastián 'Chano' Rodríguez finalizou a súa participación nos Xogos Paralímpicos de Toquio, onde aos seus 64 anos era o atleta máis veterano, con dous novos diplomas olímpicos no seu lendario palmarés. Se o primeiro deles o lograba nos 200 metros S5 estilo libre, o segundo chegou nas remuda mixta 4x50.

A participación do galego foi determinante para que o combinado estatal lograse a clasificación para a finalísima, pois na súa distancia fetiche finalizou co segundo mellor tempo da serie (2.29.24).

Lamentabelmente, cando as medallas estiveron en xogo, Rodríguez non puido ampliar o seu catálogo de metais paralímpicas até as 17, pois non foron quen de pasar da quinta posición, aínda que a menos dun segundo do bronce, Brasil, nunha proba rapidísima na que a China estabeleceu un novo récord olímpico e do mundo.

Menos sorte tivo o nadador do Club Natación Galaico na proba dos 100 metros libres individuais estilo libre, pois non conseguiu meterse na final, a pesar de finalizar co noveno mellor tempo de entre todos os competidores, quedando así a tan só un posto dos que dan acceso á final.

Ademais, tamén competiron os representantes do país en baloncesto en cadeira de rodas tanto masculinos como femininos, con sorte dispar.

Así, se Vicky Alonso e as súas compañeiras da selección española non tiveron ningunha opción ante a intocable Estados Unidos, que as superou por un contundente 68-34, mellor sorte correron Agustín Alejos, Manu Lorenzo e David Mouriz ante o Canadá, vencendo 78-41 con 13 puntos e 8 rebotes de Lorenzo e 7 puntos de Mouriz.

Todos eles volverán saltar á pista nesta sexta feira, no caso dos homes ás 7.45 contra Colombia e no das mulleres ás 10 horas ante o combinado chinés.

Comentarios