Dépor e Lugo continúan sumando e ollando para Primeira

O Lugo gañou este sábado en Ponferrada o derbi dos Ancares (0-2), mentres que a equipa de Fernando Vázquez se desfixo en Riazor do Mallorca de Oltra (3-1).

depor
photo_camera Luís festexa o seu segundo gol como deportivista

Cun terzo de campionato xa consumido, Dépor e Lugo superan as espectativas previas e ollan sen complexos para a Primeira División. Ninguén agardaba que a estas alturas de Liga, o Lugo estivese nas alturas, aliás cun fútebol por momentos preciosista e sempre moi efectivo. En Riazor nen os sectores máis optimistas da bancada apostaban en que o Dépor puidese chegar á xornada 14 en posto de ascenso direto, sendo que a equipa de Fernando está chea de futbolistas novos e sen ningunha experiencia na élite.

Imponse unha certa reserva. A liga é moi longa, case eterna

Mais a forza de sumar pontos, Dépor e Lugo despexan dúbidas e mostran que, en aparencia, teñen suficientes argumentos para competir en pé de igualdade cos mellores da liga. Contodo, imponse unha certa reserva. A liga é moi longa, case eterna. Hai suficiente gasolina no depósito para enfrentar con garantías de suceso un campionato tan longo, 42 partidos? Esa é hoxe a grande pergunta.

En Lugo o discurso subxacente que manexa Setién é que a equipa non ten suficiente fondo de armario para asaltar o ascenso e que está a moita distancia de Deportivo ou Recreativo. En Riazor, Fernando comeza a pisar o acelerador do optimismo, mas non deixa de lembrar que en xaneiro sería preciso reforzar o plantel para ter opcións reais.

14 partidos disputados e Dépor e Lugo, con 26 e 25 pontos, están só a 1 e a 2, respectivamente, do líder da clasificación. Gocemos do presente.

Foto tirada de Canaldeportivo.com

Comentarios