O Dépor enfróntase aos seus propios demos en Riazor

O fútbol galego encara o terzo final da tempada co Deportivo no foco do protagonismo, pois unha derrota podería custarlle o posto ao seu adestrador. Sen saír da Primeira RFEF, o filial do Celta viaxa a Zamora e o Rácing a Logroño. Na Segunda, o Oviedo visita o Ángel Carro de Lugo e na máxima categoría o Celta xoga contra o Real Betis.
O factor campo promete ser fundamental para o bo devir do partido no coliseo branquiazul. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O factor campo promete ser fundamental para o bo devir do partido no coliseo branquiazul. (Foto: RC Deportivo).

O Deportivo da Coruña centra a atención da xornada futbolística galega. A fonda crise na que está inmerso o conxunto herculino logo de sumar tan só cinco puntos dos últimos 21 posíbeis -cifras máis propias dun club que loita por evitar o descenso que do máximo favorito ao ascenso directo- deixouno na segunda posición da clasificación, a seis puntos do primeiro clasificado e con tan só cinco de colchón sobre o límite que dá acceso á disputa do play-off.

Ante este escenario, e como acontece sempre no deporte rei, o que paga os pratos rotos é o adestrador, un Borja Jiménez que podería estar ante as súas últimas horas como máximo responsábel do primeiro equipo branquiazul de caer derrotado hoxe ante a Cultural Leonesa (19 horas). Non obstante, e polo menos en público, desde o cadro de xogadores fálase de unidade e, tal e como recoñeceu o capitán Álex Bergantiños, agardan que a dolorosa derrota (3-0) da semana pasada ante o Badaxoz sexa "un punto de inflexión que sirva para gañar os seguintes partidos".

O veterano centrocampista ve "totalmente lóxicos" os nervios na contorna do equipo, máis tendo en conta que veñen "duns anos moi difíciles", pero considera que "en canto comecen a mellorar os rendementos individuais, o colectivo vai funcionar como o fixo durante o resto da tempada"

Cando Deportivo e Cultural salten ao céspede de Riazor xa coñecerán o resultado do SD Logroñés-Rácing de Ferrol, que comezará dúas horas antes, ás 17. Sen Miguel Loureiro -sancionado- e Yago Taborda -lesionado-, os Diaños Verdes agardan poder superar un conxunto que o seu preparador, Cristobal Parralo, gabou cualificando de "moi compensado" e como "un claro candidato a pelexar até o final por meterse no play-0ff".

Precisamente nesa fase de ascenso tamén quere estar o Celta B, que visita o campo do Zamora dirixido polo galego Yago Iglesias mañá ás 12 horas. Os rapaces celestes queren sacar petróleo dos problemas dos casteláns, que perderon catro dos seus últimos cinco compromisos.

Este choque, así como os do resto de equipos do país, poderá seguirse a través da plataforma Footters, pois nun novo capítulo no culebrón dos dereitos televisivos da terceira categoría un xulgado de Sevilla decretou que Fuchs Sports e a produtora ATM deben devolver o sinal á antiga emisora da Primeira RFEF.

O Celta, a aproveitarse dun Betis ferido

Na Primeira División, o Celta quere aproveitarse dun Betis ferido, logo da súa eliminación da Europa League no último minuto da prórroga cun gol en propia meta de Guido Rodríguez.

Ese golpe anímico -ademais dun cansazo que podería obrigar o conxunto heliopolitano a ser profuso en rotacións- eleva as posibilidades celestes de conseguir tres puntos ante o quinto clasificado, algo que deixaría a salvación practicamente atada a falta de dous meses para o final da Liga.

Lugo-Oviedo: duelo directo na zona morna da táboa

Club Deportivo Lugo e Real Oviedo protagonizan un duelo de poder a poder (Ángel Carro, 18.15 horas) nunha categoría de prata na que os asturianos, con 44 puntos, encabezan un gran pelotón de oito equipos separados por unha mínima diferenza de tres puntos no que se atopan inmersos uns albivermellos que son décimo segundos.

Como acontecera hai uns meses co Sporting de Xixón, está previsto que se despracen á Cidade da Muralla varios miles de seareiros e seareiras asturianas -con e sen boleto- que prometen tinguir de azul as bancadas do coliseo lucense, polo que desde o club fixeron un chamamento á afección para que evite que as fans visitantes silencien os cánticos a prol dos albivermellos.

Comentarios