O Dépor consolídase na elite do fútbol

Miguel Llorente deixa de adestrar o Deportivo Abanca. Por outra parte, a afección branquiazul critica que as persoas socias non teñan prioridade para adquirir as entradas para o 'play-off' de ascenso a Segunda División do equipo masculino.
Riazor tornou nunha festa total logo de que as xogadoras do Deportivo confirmasen o seu posto na categoría de prata. (Foto: RC Deportivo)
photo_camera Riazor tornou nunha festa total logo de que as xogadoras do Deportivo confirmasen o seu posto na categoría de prata. (Foto: RC Deportivo)

O Real Club Deportivo da Coruña, coñecido no eido do fútbol feminino como Deportivo Abanca, será a única representación galega na nova Primeira RFEF, a categoría de prata estatal, logo de saír airoso dun play-out a vida ou morte contra o Real Unión de Tenerife.

A Galiza non perde o tren da profesionalización do fútbol feminino grazas ao Dépor Abanca. A escuadra herculina, que militou esta tempada na categoría de prata, coñecida até o de agora como Reto Iberdrola, seguirá no mesmo chanzo do fútbol feminino estatal, que de cara á próxima campaña será moito máis potente.

Isto producirase porque, dos 32 equipos que conformaban até o de agora a Reto Iberdrola, distribuídos en dous grupos, descenderon exactamente a metade, 16, polo que na 2022/23 só haberá un grupo de 16 equipos integrado por Eibar, Raio Vallecano, Español, Osasuna, Dux Logroño, Barça B, Cacereño, Granada, Juan Grande, Granadilla, AEM de Lleida, Oviedo, Alba, Athletic B, Córdoba e un Deportivo que logrou a permanencia a través dun play-out contra o conxunto tinerfeño do Real Unión, grazas a un cómodo triunfo por tres goles a un.

Miguel Llorente deixa de ser o técnico branquiazul

Apenas doce horas despois de asegurar sobre o céspede de Riazor a praza do Deportivo na reformada categoría de prata, o club oficializou un segredo a voces, a marcha do técnico Miguel Llorente.

A pesar de que na rolda de prensa posterior ao choque ante o Real Unión de Tenerife o madrileño manifestou expresamente o seu desexo de seguir no cargo —"a miña idea é continuar"—, o Consello de Administración comunicoulle a primeira hora da mañá desta cuarta feira que non renovará o contrato que o unía até a presente tempada coa entidade branquiazul, desexándolle "os maiores éxitos futuros a nivel persoal e profesional.

Detrás desta medida están, ademais das razóns estritamente futbolísticas -como o afundimento de xogo e resultados no último tramo do campionato-, a mácula que arrastraba Llorente desde que o pasado mes de marzo fora apartado internamente das súas funcións por "uns feitos e condutas que non incluían connotación sexual nin violencia", sendo restituído logo dunha investigación favorábel.

As socias, sen prioridade para os boletos do 'play-off'

Ás 13.01 horas desta cuarta feira o Deportivo da Coruña anunciou  a través das súas diferentes canles nas redes sociais que a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) poría á venda as máis de 30.000 localidades dispoñíbeis para o primeiro encontro da fase de ascenso, que enfrontará o sábado 4 de xuño o Dépor co Linares ás 18 horas da tarde.

O club puntualizou nun comunicado que para ese partido "Riazor non é o campo do Deportivo, é da RFEF como sede da promoción de ascenso a Segunda División". "Por iso, o partido non entra dentro do abono de tempada do Real Club Deportivo, e non será válido o acceso co carné en ningún caso, só se poderá acceder con boletos adquiridos en tickets.rfef.es a un prezo de 18 (fondos de Marathón e Pavillón), 22 (Preferencia Superior e Inferior) e 26 euros (Tribuna Superior e Inferior), engadiu.

Inmediatamente, a afección reaccionou cualificando de "vergoñento" un sistema que "non dá prioridade ás socias", e criticou os problemas para adquirir os boletos na plataforma da RFEF unha vez que abriu a venda ao público.

Comentarios