Panorámica da derradeira xornada ligueira: a Galiza queda sen pleno no 'play-off'

Rematou o fútbol nas tres principais categorías do fútbol... por agora, pois a próxima fin de semana terá lugar un play-off de ascenso no que todo apuntaba a pleno galego, pero o empate do filial celeste en Logroño deixouno fóra dun camiño que agardan percorrer Rácing de Ferrol e Dépor para unirse ao Lugo na categoría de prata.
O Club Deportivo Lugo baixou o pano da categoría de prata cun triunfo na casa ante o Málaga (1-0). (Foto: La Liga).
photo_camera O Club Deportivo Lugo baixou o pano da categoría de prata cun triunfo na casa ante o Málaga (1-0). (Foto: La Liga)

A crueldade do rei dos deportes volveu quedar de manifesto no feche da Primeira RFEF, impedindo cun gol no minuto 95 que o Celta B accedese aos play-offs de ascenso a Segunda e, ao mesmo, tempo, un pleno galego na fase de ascenso.

O filial celeste dependía de si mesmo tras estar practicamente durante toda a segunda volta instalado nos postos de promoción, pero non foi quen de pasar do empate (1-1) ante unha SD Logroñés que non se xogaba nada e, cousas do fútbol, un gol do Raio Maxadahonda na última xogada do seu partido deulle a vitoria fronte ao Badaxoz, meténdose así no play-off a costa do Celta B.

Quen si estarán alí son o Deportivo, que xogará contra o Linares tras perder nun intranscendente partido co Unionistas (0-1) e o Rácing de Ferrol ante o poderoso Nàstic de Tarragona, aínda que no seu caso chega coa confianza extra dun triunfo sólido sobre o Dux de Madrid (2-0).

Tal e como informou a Real Federación Española de Fútbol, o cadro herculino medirá as súas forzas coa escuadra xienense o vindeiro sábado, 4 de xuño, ás 21 horas, mentres que o Rácing xogará o domingo 5 ás 18 da tarde.

Saudade albivermella

"Adiós muchachos, compañeros de mi vida/barra querida de aquellos tiempos/me toca a mi hoy emprender la retirada/debo alejarme de mi buena muchachada". Coa melancólica letra de Carlos Gardel na cabeza e un salouco no corazón viviron as 3.741 persoas congregadas no Ángel Carro o Lugo-Málaga que puxo feche á campaña 2021/22 na Segunda División.

O resultado (1-0 a prol dos albivermellos) pasou a un segundo plano ante o adeus definitivo de tres homes chave na historia do Club Deportivo Lugo, os capitáns Pita, Iriome e Seoane, que tiveron a oportunidade de por fin como titulares a unha aventura que se prolongou durante 30 tempadas entre os tres, constantemente aclamados por unha bancada que prorrompía en aplausos cada vez que tocaban a pelota e, especialmente, cando o técnico Rubén Albés -outro que di adeus á Cidade da Muralla- tivo o detalle de substituílos ao mesmo tempo. 

Porén, a gran ovación chegou nunha homenaxe á conclusión do encontro, onde a sensación foi o canario Iriome González, que se lanzou a falar en galego co seu público dicindo entre bágoas "marcho de Lugo, pero Lugo non marcha de min".

Comentarios