O Dépor rehabilita Miguel Llorente, técnico do feminino

O adestrador levaba dúas semanas apartado.
O técnico do Deportivo feminino, Miguel Llorente (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O técnico do Deportivo feminino, Miguel Llorente (Foto: RC Deportivo).

Final para o 'Caso Miguel Llorente'. Logo de que o técnico do Real Club Deportivo feminino fora apartado sorpresivamente das súas funcións hai apenas dúas semanas -coa escuadra branquiazul xogandose o ascenso á máxima categoría- por, tal e como informou no seu momento a entidade nun comunicado,  "uns feitos e condutas supostas e estritamente relacionadas co ámbito deportivo", excluíndo expresamente "calquera connotación sexual ou violencia", agora o Dépor informa da completa rehabilitación do preparador madrileño.

"Unha vez recibido o informe e as conclusións da comisión de Compliance [expresión inglesa que podería traducirse como o conxunto de boas practicas adoptadas por unha empresa], o Consello de Administración determinou restabelecer completamente nas súas funcións ao adestrador do Deportivo Abanca, Miguel Llorente", explica o conxunto herculino.

Iso non quita que non recibise sanción algunha, pois o Consello decidiu "amoestar verbalmente" o técnico, coa intención "de que se fortalezan e melloren as canles e fíos de comunicación, que en ocasións se descoidan pola tensión competitiva". 

Esta é a causa última detrás da denuncia anónima recibida na canle ética do Deportivo, que levou a unha investigación que agora fecha "concluíndo que non se produciu ningunha actuación irregular nin sancionábel por parte do adestrador en canto á vulneración do Código Ético e de Disciplina Interna da entidade.

Llorente deféndese

Despois de que o club fixese pública a súa rehabilitación, Miguel Llorente protagonizou unha rolda de prensa na que tratou de lavar a súa imaxe, afectada logo da súa suspensión do pasado mes de marzo. 

O madrileño revelou que "o 18 de marzo, Ana González [a súa antiga axudante] explícame que quere deixar o equipo por un tema de presión". "Despois -engade-, o club notifícame que renuncia ao seu cargo e, ese mesmo día, as xogadoras teñen unha carta súa sobre min e a directiva un mail anónimo moi similar a esa carta. A raíz diso, o club apártame, pero eu estaba moi tranquilo. Iso si, pasei dúas semanas moi malas, recibindo incluso ameazas de morte e acusacións de ser un maltratador psicolóxico e laboral".

Comentarios