A Copa Galiza de Ciclocrós despide en Cambre a súa actual edición

As coroas poranse en xogo o próximo domingo.
As bicis rodarán ás 9.30 horas. (Foto: FCG).
photo_camera As bicis rodarán ás 9.30 horas. (Foto: FCG).

O 2024 ponse en marcha para o ciclismo galego cunha das grandes citas do ano. O XIV Ciclocrós Concello de Cambre exercerá este domingo, 7 de xaneiro, e a partir das 9.30 horas, de Campionato da Galiza e como última proba do calendario nacional dunha modalidade que a vindeira semana ten programada o seu Estatal en Amurrio (Euskadi). 

Pola esixencia do percorrido, dada a máis que probábel presenza de lama debido ás chuvias previstas para esta fin de semana, e polo nivel de participación, a dureza e o espectáculo están garantidos no circuíto do campo de fútbol Dani Mallo, un trazado deseñado polo Club Ciclista Cambre que xa ten demostrado ser un dos máis selectivos do territorio galego.

A esas condicións está máis que adaptado o pelotón do ciclocrós galego despois dunha tempada que comezou con altas temperaturas a principios de outubro, pero que desde finais dese mes estivo totalmente pasada por auga.

A última desas batallas contra o barro librouse o pasado sábado na clausura da Copa Galiza, o número 14 dos eventos nacionais, estatais e internacionais nesta modalidade deportiva que se levan disputado esta campaña no país.

O décimo quinto e derradeiro reunirá máis de 250 participantes, entre os que estarán as corredoras e os corredores do XSM e do Supermercados Froiz, que veñen de competir durante o Nadal en Bélxica e nos Países Baixos. 

O ano pasado, o Campionato da Galiza de Ciclocrós tivo como escenario Poio, onde se adxudicaron as coroas en xogo Lorena Patiño e Néstor Frías en cadetes; Sarela Conde e André Martínez en júniors; Laura Mira e Ricardo Buba en Sub-23; María Jesús Barros e Samuel González en elites; Iria Nieto e Miguel Porto en Máster-30; e Marina González e Andrés Calvete en Máster-40.

Comentarios