A marinense Lorena Patiño domina o Ciclocrós das Pontes

Novo éxito da corredora galega no certame estatal.
Patiño (centro), sorrí no máis alto do podio da categoría júnior logo de imporse na competición pontesa. (Foto: RFGC).
photo_camera Patiño (centro), sorrí no máis alto do podio da categoría júnior logo de imporse na competición pontesa. (Foto: RFGC).

O II Ciclocrós Lago das Pontes concluíu onte a mini-xira galega da Copa de España de Ciclocrós, que se despide da Galiza logo da disputa a pasada fin de semana do Gran Premio Cidade de Pontevedra.

Alí brillou con luz propia o nome de Lorena Patiño, que obtivo a súa terceira vitoria consecutiva na categoría júnior feminina nunha carreira na que a marinense estivo flanqueada no podio por Irati Aranguren (segunda) e Maier Plano (terceira).

Entre os seus homólogos masculinos, o triunfo tamén foi para quen chegaba como líder, neste caso Hodei Muñoz, que ratificou a súa posición nun evento dominado polos corredores de Euskadi, xa que segundo foi Unax Galán e terceiro Aimar Quintana.

Tampouco houbo sorpresas na proba elite/Sub-23, pois a belga Laura Verdonschot, igual que Lorena Patiño, fixo un tres de tres impoñéndose na cita das Pontes tras cruzar a liña de meta por diante de Sofía Rodríguez Revert e Lucía González.

Compostela acollerá o XXXVI Congreso da UEC

A capital galega, Santiago de Compostela, acollerá no vindeiro ano 2024 a XXXVI edición do Congreso da Unión Europea de Ciclismo (UEC), un organismo que representa as distintas federacións nacionais do vello continente e que terá lugar durante os días 16 e 17 de marzo.

Durante a presente semana, a sede escollida, a Cidade da Cultura, recibiu a visita de Enrico Della Casa, presidente dunha entidade que ten entre as súas tarefas a organización dos Campionatos de Europa de Ciclismo nas súas distintas modalidades: en ruta, pista e de montaña. 

Alí puido coñecer as instalacións da man da súa directora xeral e xerente, Ana Isabel Vázquez, ademais de manter xuntanzas con persoas vinculadas ao mundo das dúas rodas como José Luis Chamorro e Gerardo Chamorro, presidente e secretario, respectivamente, do Club Ciclista Rías Baixas; José Luis López Cerrón, presidente da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC), e o seu secretario, Alejandro Martín.

Comentarios